O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, sostén que non debe haber “nin un paso atrás” na folla de ruta trazada para Alcoa unha vez que ratificou que aplicará un despedimento colectivo para 524 empregados e a parada das cubas de electrolisis da planta de aluminio de San Cibrao.
En declaracións aos medios en Vigo, Feijóo razoou que Alcoa “está no seu dereito” a decidir “saír de España“, “pero non pode pretender que o Estado se quede sen a súa única fábrica de aluminio primario para fornecer ao mercado español”.
“Vaise de España, pero a fábrica de aluminio primario ten que seguir funcionando“, e nese sentido “temos que seguir traballando sen ningún paso atrás“, proclamou Feijóo, quen confía en que o Goberno, co que vén colaborando, comparta a súa visión respecto de cales son as prioridades de actuación.
A XUNTA VE O ERE “FRAUDULENTO”
O primeiro paso que se debe dar unha vez que Alcoa confirmou que aplicará o ERE sen esgotar o prazo máximo estipulado é, segundo Feijóo, que os traballadores o impugnen porque “na nosa opinión é fraudulento“, pois o seu obxectivo é que “non haxa competidores” na produción de aluminio primario, e hai opcións de “gañar”.
O segundo, continuou o presidente da Xunta, é pedir medidas cautelares para que a compañía “non peche en ningún caso nin desactive as cubas, porque realimentalas é custosísimo e faría imposible que a industria seguise funcionando“.
E en terceiro lugar, engadiu, que o Goberno central garanta, coa mediación da Sociedade Española de Participacións Industriais, a SEPI, “a venda da fábrica de San Cibrao a un operador, que os hai, para seguir producindo aluminio primario”.
“Se Alcoa se quere ir está no seu dereito. Pero non pode pretender que a política de aluminio de España a decida unha multinacional, sexa quen sexa”, insistiu.
Espera Feijóo que se prolongue o clima de entendemento entre Xunta e Goberno e que se retome “a folla de ruta” preestablecida trala celebración do Consello de Ministros.
O propio presidente da Xunta asegurou, no Parlamento de Galicia, que pediría a intervención pública ao Goberno central se Alcoa non rectificaba.
INDUSTRIA: “ALCOA É A ÚNICA CULPABLE”
O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, pola súa banda, respostou ao anuncio a través dun breve comunicado no que asegurou que Alcoa “é a única responsable do fracaso das negociacións de venda da planta de San Cibrao, empurrando aos traballadores e ás Administracións a un conflito innecesario xa que había solucións para alcanzar un acordo de compra-venda”.
El secretario general de Industria, Raül Blanco, valora el anuncio de Alcoa de ejecutar el ERE a 524 trabajadores de la planta de San Cibrao en Lugo. pic.twitter.com/Tm6j96cFPm
— SECRETARÍA GENERAL DE INDUSTRIA y PYME (@IndustriaGob) October 9, 2020
O Ministerio de Industria reitera o seu “malestar” polo feito de que Alcoa “abandonase a negociación non respondendo á proposta do Goberno de que sexa a SEPI a que actuase de intermediaria para a venda da planta a Liberty House”.
“Os traballadores, as súas familias e a comarca da Mariña teñen o apoio do Goberno, que seguirá traballando para lograr unha solución que manteña o emprego e as capacidades industriais en Lugo”, finaliza o Ministerio.
Quiero trasladar todo mi apoyo a los trabajadores, sus familias y a la Comarca de A Mariña en estos momentos tan duros. Tenéis mi compromiso de que el Gobierno utilizará todos los instrumentos disponibles para garantizar los empleos y las capacidades industriales. https://t.co/MrI7dCex7y
— Reyes Maroto (@MarotoReyes) October 9, 2020
OS SINDICATOS ESIXEN A INTERVENCIÓN INMEDIATA
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao, así como os sindicatos a nivel estatal, esixiron á Xunta que solicite a intervención pública da planta inmediatamente e ao Goberno central que a execute, pois entenden que e a única vía para solucionar o conflito laboral e evitar a fin da produción de aluminio na Mariña Lucense.
PONTÓN (BNG): PERMITIR O PECHE SERÍA “UNHA IRRESPONSABILIDADE IMPERDOABLE”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou que o Goberno central e a Xunta deben “de inmediato” poñer en marcha a intervención pública de Alcoa en San Cibrao de cara á nacionalización do complexo mariñano.
“Necesitamos un Goberno que non se dobregue ante os intereses desta multinacional e que defenda o interese xeral“, sinalou a líder frentista, que puxo o acento en que “non” existen impedimientos legais para nacionalizar a planta, para o que “só fai falta vontade política“.
“Sería unha irresponsabilidade imperdoable que PP e PSOE permitisen o peche desta fábrica”, aseverou Pontón antes de incidir en que Alcoa “amosou as súas cartas” e agora toca ás Administracións “poñer sobre a mesa a intervención pública” do complexo para “manter o emprego e a actividade industrial”.
CABALLERO RECLAMA Á XUNTA QUE REXEITE O ERE
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, esixiu este venres á Xunta de Galicia como a autoridade laboral competente que rexeite o ERE presentado por Alcoa.
Nun comunicado remitido aos medios, Caballero chama a armar unha “fronte común” ante a “chantaxe” desta compañía multinacional, á que acusa de actuar “con mala fe” tras negarse a vender as súas instalacións ao grupo investidor Liberty House para reducir a competencia no sector.
“Hai que rexeitar o ERE e impedir que paren as cubas”, insistiu o líder socialista, que pediu “intervir para imposibilitar” que se remate cunha actividade industrial “fundamental” para o futuro do emprego na comarca da Mariña.
O PPdeG ATRIBÚE A ALCOA “MALA FE”: “A MARIÑA NON MERECE ESTE COMPORTAMENTO”
Desde o PPdeG, o seu secretario xeral, Miguel Tellado, tamén lamentou a decisión de Alcoa, á que acusou de actuar de “mala fe”. “O Goberno galego e de España teñen que traballar da man para evitar o peche desta fábrica e que eses postos de traballo se garantan no tempo”, dixo.
“Nin A Mariña nin Galicia merecen o comportamento que está tendo a empresa, unha decisión que afecta a aproximadamente un milleiro de postos de traballo, debido a que se trata dunha compañía que é o motor industrial de toda A Mariña”, incidió Tellado.
A partir de aí, instou ao Goberno de España a “que utilice todos os recursos para evitar a paralización da planta de fabricación de aluminio primario” e a que adopte “as medidas que se teñan que adoptar” para que continúe en funcionamento “xa sexa en mans de Alcoa ou doutra empresa, como a que estaba interesada en proceder á súa compra”.
GALICIA EN COMÚN: “É O MOMENTO DE INTERVIR”
Galicia en Común, integrada no Grupo Confederal de Unidas Podemos no Congreso, considera que “é o momento de intervir publicamente” a factoría de Alcoa en San Cibrao tralo anuncio da multinacional de que executará o despedimento colectivo de 524 traballadores. “O Goberno está xa traballando vía Avogacía do Estado para poder intervir Alcoa con todas as garantías”, sinalou o deputado Antón Gómez-Reino.
CIUDADANOS: “O BIPARTIDISMO DEIXOU MORRER A PLANTA”
A responsable autonómica de Ciudadanos, Beatriz Pino, sinalou que “a vida desta comarca, na que o sector industrial é estratéxico, está en xaque polo desleixo do bipartidismo“, que “deixou morrer lentamente” a planta de aluminio. “A perda destes postos de traballo é inasumible para a economía desta zona e será devastador para os que dependen destes soldos para manter ás súas familias”, indicou.