InicioEconomíaAlcoa condiciona melloras en San Cibrao "á enerxía" e nega que queira...

Alcoa condiciona melloras en San Cibrao “á enerxía” e nega que queira vender Avilés e A Coruña

O comité europeo estuda demandar á multinacional se non reconsidera o peche das fábricas, ao entender que "incumpriu o regulamento"

Publicada o

- Advertisement -

Nunha xuntanza co comité de empresa, o presidente de Alcoa España e director da planta de aluminio de San Cibrao, Rubén Bartolomé, condicionou investimentos na fábrica cervense a ter “unha tarifa eléctrica estable” e negou que a multinacional se plantexe vender as factorías de Avilés e A Coruña, que prevé pechar.

DÚBIDAS

A reunión co dirixente non aclarou as dúbidas dos representantes dos traballadores sobre o futuro da planta cervense, que se manterá á marxe dos despedimentos colectivos anunciados pola multinacional.

O presidente do comité de empresa da fábrica sancibrense, Xosé Paleo, sinala que “seguimos coa incerteza porque non se nos dixo nada novo”.

“SEN CONCRETAR” INNOVACIÓNS

Preguntado polas innovacións que Alcoa pensa facer para modernizar a planta cervense, Bartolomé “non concretou ningunha”, resalta o sindicalista, que engade que o dirixente da multinacional condicionou investimentos “a ter un marco enerxético estable, como o que hai en Noruega, que é por 20 anos”.

A EMPRESA SUPEDITA INVESTIMENTOS A UN MARCO ENERXÉTICO ESTABLE, “COMO O QUE HAI EN NORUEGA, POR 20 ANOS”

Paleo insiste en que, ao longo dos últimos anos, só se fixeron os investimentos “estritamente necesarios. Un muíño de dixestión na planta de alúmina, un transformador…”, indica o sindicalista.

Dado que Alcoa xustifica o peche das fábricas de Avilés e A Coruña na súa “tecnoloxía ineficiente” e “improdutividade”, os traballadores de San Cibrao pregúntanse canto tempo pasará ata que a planta cervense, de non haber melloras, quede obsoleta.

Non lle vemos futuro a isto se non se mellora o da enerxía”, expón Paleo, que insiste en que as administracións “ofrezan unha solución”.

INSISTE NO PECHE DAS FACTORÍAS

Bartolomé insistiu, segundo os traballadores, no peche de Avilés e A Coruña e reiterou o discurso esgrimido pola multinacional ao longo das últimas semanas. Así, xustificou a medida en que “son plantas máis antigas, cunha tecnoloxía, a Soderberg, que é máis problemática e cara”.

ALCOA DI QUE “NON VENDERÁ”

Despois de que o delegado do Goberno central, Javier Losada, anunciase este mércores o interese de varias empresas nas plantas españolas, Bartolomé negou ante os obreiros que a multinacional se plantexe vendelas. “Segundo nos dixo, fíxoo en 2016 e non atopou comprador”, indica Paleo.

A MULTINACIONAL SUBLIÑOU QUE XA TENTOU VENDER AS PLANTAS NO 2016 “E NON SE ATOPOU UN COMPRADOR”

ASEMBLEA O MÉRCORES

Os traballadores farán unha marcha reivindicativa do emprego desde San Cibrao a Burela o vindeiro luns. Ademais, o mércores haberá unha asemblea de traballadores para informar da reunión mantida co dirixente de Alcoa e concretar posibles medidas de protesta.

O COMITÉ EUROPEO ESPERA RESPOSTAS

Por outra banda, o comité europeo de Alcoa entregou a directivos da firma un documento con “alternativas” ao peche das fábricas de Avilés e A Coruña, “co que estamos en absoluto desacordo”, sinalou o presidente do colectivo de traballadores, José Luis Combarro.

O dirixente do comité europeo sinala que se ofreceu a Alcoa un prazo que remata o vindeiro luns, ás nove da mañá, para contestar tamén por escrito ás propostas dos empregados.

O COMITÉ EUROPEO EMPRAZa Á EMPRESA A CONTESTAR A “ALTERNATIVAS QUE LLE PROPUXEMOS” ANTES DO VINDEIRO LUNS

“NON SE NOS INFORMOU”

De manterse na súa postura, o comité considera que hai razóns para demandar á multinacional por incumprir o regulamento acordado cos traballadores para os casos de despedimento colectivo.

Non se nos informou das intencións da empresa senón que se nos entregou un plantexamento pechado. Se Alcoa non cambia a súa postura, optaremos pola vía xudicial e presentaremos unha demanda ante un tribunal holandés, como recolle a normativa”, sinalou Combarro.

O sindicalista insiste en que o peche de Avilés e A Coruña é unha medida “drástica” e lembra que “de pararse as fábricas que teñen a tecnoloxía Soderberg, sería moi difícil reactivalas”. Por iso, insta á empresa a que, “se non ten intención de quedarse, manteña a produción ata que apareza un comprador”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...