O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao convocou este mércores unha asemblea de traballadores, desde as 15.30 horas.
Na xuntanza abordarase o ERE de extinción presentado pola empresa estadounidense para as plantas de Avilés e A Coruña.
Na reunión plantexaranse novas mobilizacións contra o peche das fábricas e para solicitar unha tarifa eléctrica que garanta os postos de traballo non só nas factorías ameazadas, senón tamén en San Cibrao.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
Precisamente, a Deputación de Lugo aprobou este martes unha declaración institucional en apoio aos traballadores de Alcoa en San Cibrao.
A moción partiu do Partido Popular, que retomou o texto aprobado o pasado 24 de outubro no Parlamento de Galicia.
o documento aprobado polo ente provincial modifica o texto aprobado no parlamento galego para citar a san cibrao
O acordo inclúe unha modificación do cuarto punto do documento, que instaba á multinacional a retirar o ERE de extinción presentado para fábrica da Coruña e “buscar solucións” para garantir o emprego na mesma.
Así, a declaración institucional da Deputación demanda que se garantan os postos de traballo das grandes factorías e cita expresamente a San Cibrao, para lembrar, tal e como expresaron os traballadores, que a planta cervense tamén está en risco. Informa Óscar Bernárdez.
O COMITÉ CORUÑÉS DENUNCIA Á FIRMA
O comité de empresa de Alcoa na Coruña tramitou unha demanda ante o Ministerio de Traballo e a Inspección de Traballo de Galicia contra o ERE de extinción presentado pola multinacional do aluminio.
Os traballadores consideran que hai motivos para declarar o ERE extintivo como “nulo”, ao entender que “vulnera” a lexislación española.
A demanda sumarase á denuncia presentada polo comité europeo nos tribunais holandeses.
o comité da coruña non se presentará este mércores ao encontro coa firma para constituír a mesa negociadora do ere
NON NEGOCIARÁN COA EMPRESA
Os empregados da Coruña informaron de que non acudirán ao encontro coa empresa previsto para este mércores, ás 16.00 horas en Madrid.
O día 31 é a data sinalada pola empresa norteamericana para o inicio do período de consultas do ERE e a constitución da mesa negociadora do mesmo.
Os obreiros discrepan da intención da empresa de negociar conxuntamente o ERE. “Esta negociación hai que abordala a título local, por plantas, por un lado Avilés e por outro A Coruña”, sinalou o presidente do comité, Juan Carlos López Corbacho.