Os veciños de Naraído manifestaron a súa satisfacción polo rexeitamento da Comisión de Urbanismo y Ordenación del Territorio de Asturias (CUOTA) á apertura da canteira de pizarra proxectada a escasos 200 metros das súas casas.
O organismo autonómico “informa desfavorablemente e denega a autorización previa” en resposta a un requerimento formulado o pasado mes de xuño polo concello, que “cursou” a solicitude do empresario.
A resolución da CUOTA aclara que os terreos afectados pola explotación mineira –uns 16.000 metros cadrados- están calificados no Planeamiento Municipal como suelos non urbanizables de Especial Protección de Paisajes Naturales nos que, dacordo coas normas subsidiarias do concello, están “expresamente prohibidas” as canteiras.
O informe tamén se refire a incompatibilidade do proxecto co Reglamento de Ordenación del Territorio y Urbanismo.
A Comisión de Urbanismo e Ordenación do Territorio de Asturias informa desfavorablemente e denega a autorización do proxecto
O documento engade que só unha modificación do planeamento do concello, rebaixando o grado de protección da zona e suficientemente acreditada, abriría a porta á autorización urbanística da canteira de Explotaciones del Eo S.L.
CAUTELA
A voceira da Plataforma de Afectados pola canteira de Naraído, Carmen Sobrado, di que “confían” en que este informe desfavorable paralice o proxecto, aínda que prefiren manter a “cautela” ata que “teñan a seguridade” de que non seguirá adiante.
A aldea de Naraído conta con 11 vivendas repartidas entre Trabada e San Tirso de Abres
Os veciños posicionaronse en contra da canteira preocupados polo impacto da actividade “nas fontes de auga que abastecen a traída municipal” e no Rego de Naraído, afluente do Eo, ademais do problema de “ruídos, vibracións e polvo” que produciría a extración do material con “voaduras”.
“TEMPO DE ESPERA”
A alcaldesa María Goretti Quintana sinalou que a resposta da CUOTA era “a agardada”, dacordo coa normativa municipal vixente, aprobada en 1998, e comprometeu “responsabilidade” e “transparencia” na xestión deste asunto.
A rexedora explicou que agardarían o pronunciamento do Principado de Asturias en relación co Estudo de Impacto Ambiental e que “ante algo autorizable terían que sopesar, ser responsables e valorar” a situación. “Estamos en tempo de espera”, concluíu.
IMPACTO AMBIENTAL
Ademais da autorización urbanística, Explotaciones del Eo S.L. tramita a autorización do proxecto ante Industria y Energía.
A empresa presentou un Estudo de Impacto Ambiental que recibiu alegacións tanto da Plataforma de veciños como da Coordinadora Ecoloxista d’Asturies, ademais de “observacións” por parte do concello.
A resolución da Consejería segue pendente pero, o pasado setembro, a Dirección General de Biodiversidad, que tamén se pronunciou ao respecto, calificou de “incompleto” o estudo pola súa “nula referencia” ao feito de que os terreos están dentro da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.