O xuízo por prevaricación urbanística en Barreiros quedou visto para sentenza trala última sesión, celebrada na mañá deste xoves no Xulgado do Penal número 2 de Lugo.
O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, cinco edís do equipo de goberno de 2006 e a arquitecta municipal están acusados de prevaricación urbanística na concesión, ese mesmo ano, de 45 licenzas para a construción de arredor de 3.000 vivendas no municipio.
A Fiscalía mantivo a súa solicitude inicial de dous anos de cárcere e dez de inhabilitación para o alcalde barreirense, o popular Alfonso Fuente Parga.
Pola súa banda, a asociación ecoloxista Adega, que exerce a acusación particular, introduciu unha modificación na súa petición inicial para incluír unha sanción económica, cunha solicitude de multas de entre doce e 24 meses.
Adega solicita 45 anos de cárcere, unha por cada licenza, ao entender que “houbo dolo en cada unha das concesións“. Tamén pediu a anulación dos permisos que manteñen vixencia, adheríndose, neste punto, ao escrito de acusación da Fiscalía.
DEFENSAS
Pola súa banda, as defensas ratificaron a súa petición de libre absolución para todos os acusados.
Os avogados defensores tamén solicitaron, no caso de prosperar as peticións das acusacións, que o xuíz contemple como atenuante “as dilacións indebidas” no procedemento xudicial, que se dilatou oito anos.
SEIS PERITOS
Seis peritos declararon no último día do xuízo, con criterios opostos, dos que se valeron as defensas, a acusación particular e a Fiscalía.
A sesión deste mércores concluía coa exposición dos informes de conclusións nos que tanto a Fiscalía como as partes reafirmaron os argumentos expostos durante a vista.
“É UN CHOIO SER ALCALDE DE BARREIROS”
Na súa intervención, o Ministerio Público centrouse en argumentar a existencia do delicto de prevaricación enumerando as circunstancias que probarían que os acusados, e nomeadamente o alcalde, coñecían as “irregularidades” na tramitación das licenzas urbanísticas.
Así, referiuse ao proxecto de ampliación e mellora do abastecemento acordado entre o concello e os promotores no 2006, a un escrito que Begasa remitiu ao concello sinalando o “colapso” da subestación de Foz ou á comunicación da Dirección Xeral de Urbanismo advertindo da necesidade de diferenciar entre solo consolidado e non consolidado.
A fiscal ironizou sobre a declaración do alcalde que descargou a responsabilidade da xestión destas comunicacións nos servizos técnicos e xurídicos.
“É un choio ser alcalde de Barreiros”, comentou en relación co “descoñecemento” alegado polo rexedor tanto dos informes das licenzas urbanísticas como das denuncias da Asociación de Veciños de San Bartolo sobre as promocións autorizadas no entorno do Rego do Lopo.
SECRETARIA MUNICIPAL
As conclusións tamén se extenderon en relación co papel da secretaria municipal no momento da concesión das licenzas, María Antonia Martínez Barcia, sinalada polos acusados como responsable das irregularidades.
A Fiscalía e a acusación particular mantiveron que a funcionaria actuara de forma correcta. A abogada de Adega, Montse Calvo, sostivo que os seus informes tiñan un “claro sentido desfavorable” en contra do sinalado pola defensa do alcalde e catro edís.
Luis Rego asegurou que a funcionaria emitía informes dunha “calculada ambigüidade” que “cambiaba” durante o tempo que “retiña” as actas desde a celebración das Xuntas de Goberno ata a sinatura das actas desas reunión por parte do alcalde.
a defensa tentou manter o foco sobre a secretaria municipal, a quen atribúe “intereses espúreos”
O letrado tamén acusou á funcionaria de guiarse por “intereses espúreos” e extendeuse nas afirmacións de dous dos promotores citados como testemuñas que aseguraron “coñecer” que a secretaria recibira “60.000 euros” para autorizar unha das promocións.
O avogado afirmou que, en relación con dito proxecto, existía un primeiro documento no que se informaba desfavorablemente sobre a construción de catro vivendas e outro posterior e “complementario” no que se “autorizaban” vintecinco.
O letrado concluíu que os seus defendidos son vítimas da conducta da secretaria municipal que, sostivo, era quen “manexaba, dirixía e ordenaba” na tramitación das licenzas e tamén dunha “actuación desafortunada, equivocada e mesmo malintencionada” por parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística na súa intervención no urbanismo de Barreiros.
ARQUITECTA
A Fiscalía acusou á arquitecta municipal de elaborar “informes á carta” nos que, dixo, se informaba favorablemente ao tempo que se sinalaban multiples “incumplimentos” a “subsanar” e “solventar” a posteriori polos promotores.
A acusación particular tamén cuestionou a actuación de Marta Geada sostendo que neles non se acreditaba a “suficiencia” dos servizos básicos ou que se autorizaban construcións que superaban á altura permitida con sotos construídos por riba da rasante do terreo e paredes verticais nas zonas de baixo cuberta.
a fiscalía acusa á arquitecta de elaborar “informes á carta”
A defensa da técnica sostivo, contrariamente, que os informes se axustaban estritamente ao establecido nas Normas Subsidarias, vixentes no momento de concesión das licenzas. A letrada indicou que a propia norma sinala o “carácter interpretable” da calificación de consolidado ou non consolidado do solo urbano, amparando a actuación da súa defendida.
7.000 FOLIOS
O xuízo quedou visto para sentenza despois de catro sesións que comezaron o pasado 4 de novembro e case nove anos despois de que se iniciara a instrución, en xaneiro de 2010. O maxistrado terá que decidir sobre testemuños e probas que superan os 7.000 folios.
SENTENZA
Ademais do contido, a rapidez ou lentitude na publicación da sentenza podería alterar o mapa político de Barreiros, xa que do resultado e do tempo que quede para a composición da lista electoral, depende que Fuente Parga repita ou non como candidato do PP.
De ser inhabilitado ou de ficar aberta a causa oral pola que renunciou á militancia no PP, o regulamento interno do partido conservador non permitiría a Fuente Parga concorrer como candidato. Por iso, agárdase que a sentenza estea publicada nun prazo de dous meses.