InicioSucesosA Xunta insiste en atribuír ao clima a riada de Xunqueira: “pasa...

A Xunta insiste en atribuír ao clima a riada de Xunqueira: “pasa cada 500 anos”

A conselleira de infraestruturas e mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou nunha visita á zona que o desbordamento do Fontecova "non se puido evitar cunha limpeza", pois "só había herbáceas"

Publicada o

- Advertisement -

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou este mércores nunha visita a Viveiro que a riada que provocou unha morte e danos materiais en vivendas e coches no barrio de Xunqueira foi produto “de chuvias torrenciais que pasan cada 500 anos”.

A representante da Xunta de Galicia insistiu no argumento exposto por Augas de Galicia, organismo competente na limpeza dos caudais e dependente da consellería, que atribuíu o desbordamento do río Fontecova ao clima.

Vázquez afirmou que na noite do pasado domingo aconteceu un fenómeno natural “case improbable”, potenciado por unha pendente “moi acusada” e “vivendas cerca do río”, que fan de Xunqueira “unha área de risco potencial de inundación”.

Así, a conselleira concluíu que a riada “non se podía evitar” cunha limpeza do río, porque, argumentou, “os técnicos comprobaron en setembro que no treito urbán só había herbáceas e non obstáculos”.

a conselleira argumenta que se uniron “un fenómeno climático “case improbable”, unha pendente “acusada” e vivendas preto do caudal

Varios veciños de Xunqueira queixáronse ao longo destes días da acumulación de maleza e árbores na conca do río. A conselleira apelou aos informes técnicos e afirmou que os especialistas de Augas de Galicia “non teñen coñecemento de que houbera”.

Ademais, Vázquez asegurou que os 80 litros por metro cadrado que caeron nun período de dúas horas na estación de Penedo do Galo “non se desaugarían, nin en condicións normais, sen maleza, polas minipontes que hai no treito urbán do río”.

sobre a solicitude de dragado dos veciños, asegurou que as solucións pasan primeiro por “informes técnicos”

Preguntada polas queixas da asociación de veciños de Valdeflores, que piden que se drague o Fontecova, e sobre as medidas que tomará Augas de Galicia para evitar que reborde o río de novo, Vázquez afirmou que as solucións pasarán “pola colaboración entre as institucións” ante o “a evidencia do cambio climático”, e que sempre deberán contar “con informes técnicos”.

XUNTANZA COS VOCEIROS

Despois dunha visita a Xunqueira, a conselleira e máis técnicos de Augas de Galicia mantiveron un encontro no consistorio con representantes das forzas políticas da corporación de Viveiro.

Asistiu tamén á xuntanza o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, e membros do PSOE, PP, grupo de non adscritos e Son Viveiro.

VIVENDAS

Sobre a situación do municipio, a alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, explicou que “hai casas aínda con moitísima lama e queda unha tarefa de limpeza ardua por diante“.

Varios habitantes do núcleo de Xunqueira tiveron que buscar aloxamento con familias ou veciños.

varios veciños de xunqueira seguen sen durmir nas súas casas e algúns comercios do centro continúan sen abrir

NEGOCIOS

No tocante ao comercio, afectado polo desbordamento do río Labrada, na mañá deste luns aínda quedaban algúns negocios por abrir. As zonas máis afectadas son a Praza da Fontenova e a rúa Pastor Díaz.

Con todo, a maioría deles retomou a actividade para recuperar a normalidade o antes posible de cara ao Black Friday, o vindeiro venres, e á campaña de Nadal.

O BNG LEVARÁ A CATÁSTROFE AO PARLAMENTO

O BNG de Viveiro informou que o partido nacionalista levará ao Parlamento Galego unha batería de preguntas para a Xunta de Galicia en relación coa riada.

o bng cuestionará no parlamento galego o papel da xunta, e en marea a actitude do goberno central no congreso

Os nacionalistas preguntarán ao Goberno galego se analizou o estado do río Fontecova; se ten constancia das denuncias dos veciños que advertían do tapón provocado por restos de desbroce na Ponte de Pedro Mestre; por que non se limpou o río; e que medidas preventivas tomará en diante o Executivo autonómico.

EN MAREA PREGUNTA POLAS AXUDAS

O deputado de En Marea no Congreso dos Deputados, Miguel Anxo Fernán Vello, rexistrou unha iniciativa para preguntar ao Goberno central “que axudas” vai aprobar o Executivo para os veciños e negocios afectados polas riadas do Fontecova e do Labrada.

Fernán Vello inquirirá tamén ao Goberno sobre a súa “disposición do Goberno para iniciar o procedemento de declaración de zona afectada por unha emerxencia de protección civil“.

O deputado de En Marea cuestiona o papel do Executivo na catástrofe e emprázao a explicar “como non se atenderon as denuncias dos veciños ao Seprona” pola falta de limpeza do caudal.

O GOBERNO, EN “CONTACTO PERMANENTE”

A subdelegada do Goberno central, Isabel Rodríguez, respondeu ao deputado de En Marea que está “en permanente contacto” cos afectados polas riadas.

A representante do Executivo lembra que o Concello, coa colaboración do Goberno, habilitou unha oficina de atención aos afectados.

uns 50 veciños e comerciantes pasaron pola oficina de atención aos afectados que habilitaron concello e goberno

Por agora, segundo a alcaldesa, utilizaron este servizo unhas 50 persoas, veciños e comerciantes.

O goberno local traballa nun inventario de afectados e desperfectos para solicitar a declaración de zona catastrófica ou de zona de emerxencia de protección civil, para o que ten un prazo dun mes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...