O Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) fixo balance das actividades realizadas no 2018, ano no que impulsou máis de 30 campañas para estimular as compras no pequeno comercio do casco vello, con sorteos de 12.000 euros en premios en vales de compra e outros 3.000 euros en agasallos físicos.
Entre as actividades impulsadas pola agrupación destacan aquelas destinadas a reivindicar o comercio local, como o empapelamento de escaparates simulando o peche e deixando Viveiro a escuras, ou a colocación de vinilos no chan cos motivos para mercar nos pequenos negocios viveirenses.
Ademais das campañas promocionais, como o Shopping Wekkend, os Días do Pai e da Nai ou o Black Friday, entre outras, o colectivo de comerciantes tamén dinamizou o municipio con actividades culturais e de ocio.
Son exemplos a exposición sobre o Resurrection Fest, as visitas guiadas de Semana Santa co historiador Suso Martínez, o Teatro na Rúa co grupo Ardora ou a primeira edición da Feira de Vodas, así como o xa tradicionais juepeo e concurso de tapas.
Os comerciantes do casco histórico viveirense resaltan a súa disposición para colaborar coas asociacións da zona e tamén coa Policía Nacional, coa que impulsou o Plan de Comercio Seguro, e xestionamos cantidade de ofertas de emprego para negocios asociados.
O CCHV ten claro que o futuro pasa “pola unión do pequeno comercio” e “por poñer en valor as compras nos pequenos negocios, onde o trato persoal é próximo, con asesoramento”. Ademais, destaca a posibilidade de mercar “nun centro comercial ao aire libre”.
MANTÉN O NÚMERO DE SOCIOS
No tocante ao saldo de asociados do 2018, a xenrente do CCHV, Isabel Méndez, precisa que “producíronse algunhas baixas por peche pero tamén altas, co que o número de socios é practicamente o mesmo”.
CAMPAÑA DE NADAL
O CCHV está inmerso na Campaña de Nadal, que inclúe sorteos, concertos de rúa e a colocación de abetos, dunha árbore de luces e da casiña de Papá Noel.