InicioCentralMondoñedoManuel Xermade: "O parque eólico das Sasdónigas fíxose sen permiso ningún... é...

Manuel Xermade: “O parque eólico das Sasdónigas fíxose sen permiso ningún… é ilegal”

O parque eólico das Sasdónigas en Mondoñedo recibiu dúas sentenzas en contra do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que foron ratificadas polo Tribunal Supremo (TS). Para quen se opuxo no seu momento á instalación dos aeroxeradores isto confirma a ilegalidade do proxecto e o desentendemento das autoridades competentes que non tiveron en conta aspectos como a DIA e o impacto que podía ter este parque no medioambiente local. Manuel Xermade, veciño de Mondoñedo e antigo voceiro de En Marea no consistorio, explica cal é o sentir entre parte da veciñanza sobre a resolución do TS.

Publicada o

- Advertisement -

-Recibistes unha resposta sobre por que a Xunta non cumpre a sentenza do TSXG ratificada polo Tribunal Supremo en relación co parque eólico das Sasdónigas?

As sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) son dúas e o Tribunal Supremo o que fixo foi ratificalas. As conclusións das sentenzas anulan o acto administrativo da licenza de traballo para Norvento nas Sasdónigas e anula tamén a Declaración de Impacto Ambiental (DIA). En principio, o parque das Sasdónigas foi presentado como Sasdónigas 1 e Sasdónigas 2 cando realmente é un único parque. A conclusión, foi unha división fraudulenta, ese foi o primeiro dos argumentos. Outro é moi simple, a acumulación de sinerxías. Primeiro, só hai unha subestación, unha única liña de evacuación de alta tensión. Segundo, só hai unha DIA cando, se son dous parques, deberan ser dúas DIA, unha para cada parque. Ademais, só hai instalacións loxísticas para un único parque mais no papel presentáronas como se fosen dous. Así evitaban trámites administrativos e tamén era máis doado de avaliar. Segundo, hai unha afección total e absoluta ao Camiño de Santiago. Non hai unha separación de tantos metros do Camiño, senón que está construído sobre a mesma ruta. Calquera persoa que viva ao pé do Camiño de Santiago sabe que debe pedir permiso para calquera cambio na fisonomía da súa casa, unha fiestra ou a pintura da construción. Pois aquí fixeron un parque eólico sen permiso ningún, por tanto vehículos de construción ocuparon a Ruta Xacobea para a construción e tamén agora para o mantemento. Isto tamén se traduciu na modificación física do trazado, pasou de ser unha vía estreita como unha corredoira a unha vía máis larga de 5 metros de beira a beira e con gabias. Isto é ilegal.

-Afectou noutros aspectos a apertura deste parque eólico?

Si. Nós denunciaramos cun acta notarial e con documentación que existía un asentamento romano en Cabana de Vella, así figuraba catalogado como BIC 1, de máxima protección para a Xunta de Galicia e no PXOM de Mondoñedo, pola contra, decidiron que non sen ningún criterio. O único que había era un estudo pagado pola empresa asegurando que aí non había nada e a Xunta ratificou este punto. Este ben está catalogado con que temos un dano feito moi grave. Outras desfeitas patrimoniais foron as antigas neveiras xunto ao Camiño de Santiago, os muros en Pedra Seca, que tamén están protexidos e por último está o dano medioambiental gravísimo, unha das cousas máis tristes deste proceso.

-Cales son as consecuencias medioambientais?

O parque das Sasdónigas está construído sobre un chan de turbeira de cobertor. Este elemento está protexido pola UE e ademais, esta turbeira funciona como un reflector de CO2. Se lle dás a volta a unha turbeira de cobertor emite CO2. Por tanto, pasamos de ser un axente importantísimo contra o cambio climático a ser un problema ambiental. Estas turbeiras están nun dos extremos da Serra do Xistral.

-Afecta a algún tipo de acuífero?

Había un lugar chamado A Charca da Cabrita, un sitio moi atractivo e importante. Alí bebía todo o gando de monte e sobre todo era un sitio de parada de nidificación para aves que ían de aquí ao Cantábrico ou ao revés. Era o primeiro humidal en altura que encontraban antes de entrar ao mar ou ao volver do mar. Hoxe en día hai un muíño a un metro da Charca, usaron unhas tubaxes inmensas para drenar e logo, desapareceu. Despois modificaron algúns nacentes de auga, entre eles o regato do Gontán, cambiaron as vertentes de fluxos de aguas, é un dano medioambiental. Hai anos preguntamos ao ex-director de Minas da Xunta, o señor Tahoces, por que afectaba ao Camiño de Santiago e el aseguraba que non existían tal afección. Coa nova dirección xeral non hai ningunha relación. Só fan caso aos documentos presentados polas empresas, por tanto falta de transparencia e dificultades para acceder ao expediente e cada vez poñen máis trabas. Por tanto, desde o meu punto de vista é un expolio.

-Cantos muíños están en funcionamento agora mesmo e sábese se existe intención de ampliar o parque eólico?

Iso debera contestalo a Xunta que é quen leva o plan eólico. Nós esperamos que non sexa así, pola veciñanza e polo medioambiente. Tamén polos problemas sociais e económicos que trouxo, pois os terreos foron arrasados e expoliados porque pagaron uns prezos de 0,0017 euros por metro cadrado por 31 anos nun único pagamento. Ademais, a xente que asinaba o contrato pasaban a seren arrendadores. A maior parte desas persoas eran xente maior, pensionistas, e están obrigados a facer a declaración de IRPF na declaración da renda. Por que? Pois porque teñen dous pagadores, ademais, tense que dar de alta no Imposto de Actividades Económicas e facer a trimestral do IVE. E para a xente que está traballando se lles expropian as terras, perden a porcentaxe que lles corresponden da PAC que, tal como está agora, é unha parte fundamental para as economías do rural. Estanse expropiando en detrimento desas axudas.

-A resolución do Tribunal Supremo influirá de maneira positiva neste caso?

De maneira positiva si que influirá, logo, de paralización non, porque estamos falando cunhas administracións absolutamente obtusas e que non fan caso non ás sentenzas do TSXG e TS. Unha das afirmacións da empresa que colocou os eólicos foi que “os eólicos son elementos ornamentais para o Camiño dos peregrinos” e a Xunta corrobora isto e houbo que chegar ao Tribunal Supremo. Esperamos que o acontecido coas Sasdónigas sente xurisprudencia. Esperar algo da Xunta? Non.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...