EFE. A organización do festival de rock duro Resurrection Fest de Viveiro emitiu este xoves un comunicado no que afirma que só quedan por vender 300 abonos para completar a oferta desta modalidade.
A décimo cuarta edición da cita congregará, do 3 ao 6 de xullo no recinto de Lavandeiras (Celeiro), a bandas históricas do heavy metal como Slipknot ou Slayer -que ofrecerá o seu único concerto de despedida en España-, xunto a outros talentos emerxentes e numerosos grupos de calibre internacional.
Parkway Drive, Lamb of God, Within Temptation, Gojira, Testament, Berri Txarrak ou Kvelertak son algúns dos nomes máis destacados do cartel do Resurrection Fest 2019.
SEN ENTRADAS FÍSICAS
Os responsables do evento advirten de que este ano non haberá entradas físicas e avisan de que non se deben mercar os abonos en webs de terceiros, xa que poden ser vendidos billetes non válidos que impiden acceder ao festival, como aconteceu con ducias de persoas na pasada edición.
A organización asegurou tamén que sacará á venta proximamente as entradas para días individuais.
Recentemente saíron tamén á venta os abonos do festival a custo reducido para a veciñanza de Viveiro, que pode desfrutar deste evento pola metade do prezo en agradecemento por albergar a cita.
NOVA ZONA DE DESCANSO
Na nota remitida aos medios, o Resurrection Fest expón que está “a traballar duro” para conseguir habilitar unha nova zona de descanso de pago xunto coas xa existentes, e que aumentarán os servizos dispoñibles na área gratuíta, que tamén medrará en superficie.