Como cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana.
BARREIROS
A Deputación de Lugo, en colaboración co Concello de Barreiros, organiza o sábado o concerto Cantar Delas, que repasa pezas dun período de dous séculos -do XVIII ao XX- que contan historias protagonizadas por mulleres. No centro social de San Cosme, ás 19.00 horas.
Barreiros celebrará o día mundial do teatro o domingo co grupo Ardora, que interpretará ‘O silenzo do badal‘ (18.00 horas, centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro).
BURELA
Burela acollerá o sábado (20.00 horas, auditorio) unha das dez representacións en España da ópera ‘Carmen’, de Bizet. Quedan unhas 50 entradas dispoñibles -a doce euros- para o espectáculo, que recreará a Ópera Nacional de Moldavia.
Vista Alegre prepárase para a tarde laranxa do vindeiro sábado. Abrirá a xornada o Pescados Rubén Burela FSF, que quere manter o liderado da Liga Foro 16 Feminismo cunha vitoria no derbi galego ante o Poio Pescamar (17.15 horas).
Ás 20.15 horas comezará o encontro do equipo masculino, que aspira a dar un novo paso adiante cara o ascenso directo á Primeira División. Os de Juanma Marrube mediranse ao Talavera.
CASTROPOL
O sábado, Castropol rende tributo ás mulleres migrantes. Desde as 18.45, na casa da cultura, presentarase o terceiro plan de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
A partir das 19.30 haberá unha mesa redonda na que intervirán Justa Pérez Vior, Aurea Valcárcel Fernández, Carmen Liliana Garzón Gallardo e Fiorella Pacheco Ugarte.
O grupo de mulleres de Cabo Verde afincadas na Mariña Lucense Batuko Tabanka pechará o acto cun concerto a partir das 20.00 horas.
CERVO
Cervo ofrece teatro. O grupo Andanzas de Viveiro representará o sábado (casa da cultura de San Cibrao, 20.00 horas) ‘El caso de la mujer asesinadita‘.
Tamén o sábado, pero pola mañá -de 10.30 a 13.30 horas-, a piscina municipal acollerá bautismos de buceo.
FOZ
O xornalista e escritor Manolo Gago presentará este venres en Foz (Sala Bahía, 20.30 horas) a súa novela ‘O exército de fume’.
O sábado e o domingo celebrarase a terceira edición das xornadas de pesca deportiva de Foz, con actividades prácticas e charlas técnicas.
LOURENZÁ
O venres, o Sindicato Labrego Galego organiza unha xornada aberta -en quenda matinal e de tarde- para afondar en posibilidades para recuperar a agricultura e a soberanía alimentaria da Mariña Lucense.
OUROL
Os Aturuxeiros de Bravos organizan este sábado a súa segunda xuntanza de coches clásicos. Podes consultar aquí o programa.
RIBADEO
O sábado, ás 12.00 horas, será o pleno extraordinario no que Suso Peña será nomeado Fillo Predilecto de Ribadeo.
Tamén o sábado proxectarase (teatro, 20.00 horas), ‘Vigo 1972‘, de Roi Cagiao, película sobre a folga xeral na cidade olívica.
A concellería de igualdade de Ribadeo programou para o domingo (auditorio Hernán Naval, 20.00 horas) o espectáculo ‘Anatomía dunha serea‘, da compañía de teatro Chévere. A peza versa sobre a violencia obstétrica.
VIVEIRO
Continúan os actos culturais previos á Semana Santa. O venres, a partir das 20.30 horas na Igrexa de San Francisco, haberá concerto do coro do conservatorio. O sábado, á mesma hora na Igrexa de Santa María, a banda municipal ofrecerá un recital.
O 29 de marzo, venres, celebrarase unha xornada para familias en proceso de separación e divorcio, que ofrecerá Disciplina Positiva A Mariña, de 20.30 a 22.30 horas no consistorio.
XOVE
Saíñas organiza a catorce edición da Festa do Lacón, a partir das 20.30 horas no pavillón. A ración custa nove euros, e haberá discotéca móbil a partir das 23.00.