O Pazo de San Marcos acolleu a presentación da décimo cuarta edición do Resurrection Fest, que se celebrará en Viveiro do 3 ao 6 de xullo.
O presidente da Deputación en funcións, Darío Campos, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o director do festival, Iván Méndez Rodríguez, presentaron un dos festivais de rock de referencia en España, que prevé congregar na Mariña Lucense a 100.000 persoas de máis de 40 países diferentes.
As cifras do festival son chamativas: segundo a organización, xera uns 2.100 postos de traballo pola contratación de persoal de seguridade, produción, iluminación, son, limpeza, atención nas billeteiras e reforzo do servizo en bares, restaurantes ou hoteis.
VOLUME DE NEGOCIO DE 8,5 MILLÓNS
De feito, expoñen desde a organización, Viveiro terá unha ocupación hoteleira do 100% durante toda a semana, 2.000 prazas. Os hoteis da Mariña Lucense, ao borde do cheo, e de Ortegal e a Terra Cha tamén se beneficiarán da afluencia de seareiros. O cámping municipal acollerá outras 300 persoas e os campamentos da organización outras 12.000.
Segundo un estudo de impacto económico, o Resu xera un volume de negocio de 6,6 millóns de euros na provincia de Lugo e de 8,5 en toda Galicia.
RECOÑECEMENTO MUNDIAL
Campos subliñou que, á vista destes datos, a achega de 150.000 euros da Deputación ao festival “non é un gasto senón un investimento para a nosa provincia, apoiando unha cita que ten todo o recoñecemento mundial”.
“VIVEIRO XA NON SE ENTENDE SEN O RESURRECTION”
“Este volume de visitantes contribúe á dinamización económica e promoción turística do noso municipio”, expuxo a alcaldesa, a socialista María Loureiro, que sinala que “o Resu non se entende sen Viveiro e tampouco o noso concello o fai xa sen o festival”.
O Concello de Viveiro cede os terreos para a organización do evento e tanto o cámping de Covas como o Miradoiro de San Roque.
Ademais, este ano, grazas ao acordo de colaboración entre o Concello e o festival, os viveirenses poden adquirir entradas á metade de prezo, xa que contan co 50% de desconto.
LEMBRANZA A MELCHOR ROEL
A rexedora tivo unha lembranza para o anterior alcalde, o falecido Melchor Roel, que apostou por apoiar á organización do festival desde as primeiras edicións.
“Sempre confiou neste festival, que tamén é seu. Hoxe estaría moi orgulloso de ver as dimensións ás que chegou ou a súa repercusión a nivel mundial, poñendo no mapa a Viveiro”, salientou.
RECINTO MÁIS AMPLO E MÁIS SERVIZOS
Méndez explicou que “este ano contamos cun recinto máis amplo e máis servizos”.
“O cartel é moi variado, ambicioso e para todos os públicos. Haberá catro escenarios temáticos e 100 bandas. Poderemos ver lendas da música como Slipknot, Slayer, Parkway Drive, King Diamond, Within Temptation, Lamb of God ou Gojira”, precisou.
O PUNTO LILA REPETIRÁ
Loureiro destacou que “dende o Concello de Viveiro, e dentro da nosa defensa dos dereitos das mulleres, promovemos unha campaña para evitar agresións sexistas no Resu, coa instalación dun punto de atención lila, así como con labores de información e concienciación aos visitantes”.
De feito, haberá voluntarios que percorrerán o recinto repartindo dípticos informativos e facéndose visibles para evitar calquera tipo de agresión que se poida producir. Facémolo como medida preventiva pois nestes 13 anos non houbo ningunha denuncia por agresión sexual”, indicou.