InicioCulturaAxenda de ocio: o musical de 'El Rey León' e a feira...

Axenda de ocio: o musical de ‘El Rey León’ e a feira de antigüidades da Pontenova animan decembro

O Mercado de Nadal de Ribadeo, o concerto de Joni Ramos en Burela ou a gala solidaria a prol dos afectados das riadas son outras das propostas dunha fin de semana máis longa do habitual

Publicada o

- Advertisement -

Adiantamos ao xoves, con motivo da ponte, a axenda cultural dunha fin de semana máis longa do habitual.

BURELA

A campaña de Nadal do comercio burelés comezará o venres. A partir das 21.00 horas, o Concello acenderá o alumeado de Nadal na Praza do Concello, nun acto que animará o músico viveirense Joni Ramos.

O tecido asociativo de Burela celebra o sábado e mailo domingo o Mercadiño de Nadal, con produtos de segunda man, lambetadas ou artesanía. Será de 12.00 a 20.00 horas, na Praza de Abastos.

O sábado, os máis pequenos poderán desfrutar tamén do mercado cun obradoiro de manualidades para nenos impartido por Gaia, de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00.

O sábado, desde as 18.00 horas no auditorio, Tanxarina Títeres recreará ‘A Galiña Azul‘, baseada na obra de Carlos Casares.

O Pescados Rubén Burela FSF, líder da Liga Foro 16 Feminismo, tentará resarcirse do tropezo fronte ao Futsi cunha vitoria contra o Alcorcón (sábado, 18.30 horas, Vista Alegre).

Peque encara a Estela, do Penya Esplugues. AXM

CERVO

O grupo musical Sons de Celeiro actúa en San Cibrao o sábado, a partir das 20.00 horas na casa da cultura.

O domingo, de 10.00 a 13.00 horas, o pavillón do colexio de Cervo acollerá un mercado solidario organizado por Airiños do Xunco. Haberá recollida de xoguetes e alimentos non perecedoiros, ademais de talleres de pintacara e papiroflexia e xogos populares.

FOZ

As Olimpíadas da Mariña central continúan esta semana coas probas deportivas, que se disputarán ao longo do xoves, en horario matinal e de tarde -as semifinais comezan ás 16.00 horas-, no pavillón de Marzán de Foz.

Partido de cuartos de final Cervo-Foz en Marzán. AXM

Encabeza a clasificación Mondoñedo, con 375 puntos.

O sábado, a Librería Bahía acolle a partir das 12.00 horas a presentación do libro-disco ‘A Comuna del Barruzo‘, que reivindica a lingua e a cultura do Eo-Navia.

LOURENZÁ

O domingo conclúe o Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá.

O goberno local entregará os premios da segunda edición do concurso nunha carpa ubicada no Campo dos Bolos. O acto comezará ás 19.00 horas, e incluirá unha representación a cargo de Arte Estudio Teatro.

MEIRA

Os concellos de Meira e Riotorto celebran o sábado cunha xornada cultural o 121 aniversario do poeta Avelino Díaz. Podes consultar o programa neste enlace.

MONDOÑEDO

O sábado, a asociación Batitales organiza a quinta edición das xornadas de recuperación de materiais tradicionais. Desenvolveranse no Casino en horario matinal e de tarde.

Cartel das xornadas. AXM

A PONTENOVA

A Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova reunirá 60 expositores do xoves ao domingo, cunha estimación de asistencia de 8.000 persoas.

A entrada ao recinto da Praza dos Fornos será de balde, cun horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00.

A Feira de Antigüidades da Pontenova espera atraer 8.000 persoas. FESTAS DE GALICIA

Os asistentes poderán desfrutar de postos dos sectores da madeira, o coiro ou a xoiaría, entre outros. Ademais, haberá unha exposición de zoqueiros, exhibicións de oficios tradicionais e unha xuntanza de vehículos clásicos.

RIBADEO

Este xoves, a partir das 11.00 horas, abre o Mercado de Nadal de Ribadeo, no que participarán 26 postos e que se prolongará ata o día 6.

Os días 7, 8 e 9 haberá visitas guiadas para coñecer a heráldica ribadense ou o patrimonio relixioso da vila. A programación complétase con actuacións musicais, como a do grupo Cosmosoul, o sábado no auditorio desde as 21.00 horas.

O venres, David Val presenta o seu libro ‘Un nómada en bicicleta‘ na Casa das Letras de Ribadeo. O acto comezará ás 20.30 horas.

VEGADEO

O domingo, ás 18.00 horas no auditorio Félix Menéndez de Vegadeo, preséntase o libro-disco ‘A Comuna del Barruzo’.

VIVEIRO

O venres, o belén a tamaño real ‘Viveiro ante o Berce’ abre ao público. O nacemento ficará exposto no atrio da Igrexa de Santa María ata o 13 de xaneiro.

O musical tributo a ‘El Rey León‘ ‘De Simba a Kiara‘ chega ao Pastor Díaz este sábado, ás 18.00 horas. As entradas están á venta en woutick.es a un prezo de 13,20 euros.

O domingo, o Seminario de Estudos Terra de Viveiro organiza unha gala solidaria para recadar fondos para os afectados polas riadas. Comeza ás 20.00 horas no teatro, e as entradas pódense adquirir o venres e o sábado.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...