A axendia de ocio: Sés, ‘Trote’ ou Pepe Viyuela, reclamos da fin de semana

A programación cultural inclúe tamén danza, teatro, xornadas de arqueoloxía ou música coral

Sés. YOUTUBE

Repasamos, como cada venres, a axenda cultural e de ocio da fin de semana.

ALFOZ

O domingo conclúe o programa de sendeirismo do Concello de Alfoz coa Ruta dos Castelos.

A ruta guiada sairá ás 9.30 horas do Castelo do Castrodouro, e ten unha dificultade alta, cun percorrido de nove quilómetros. Anotan no 657.849.200.

BARREIROS

Julia María Dopico e Daniel Azdamián repasarán clásicos do tango o domingo, desde as 18.00 horas no centro social Manuel Díaz Sampedro. A entrada é de balde.

BURELA

O venres, o director Alfonso Zarauza falará sobre cinema en Burela antes da proxección de ‘Os fenómenos‘ (18.00 horas, casa da cultura).

Este venres, o Pescados Rubén defende o liderado da Segunda División masculina de fútbol sala antre o Elche.

O equipo que adestra Juanma Marrube recibirá ao cadro ilicitano, décimo clasificado, en Vista Alegre desde as 20.30 horas.

Lucho pugna pola pelota co ex xogador do Burela Chino, agora no Magna Gurpea. AXM

O sábado, o centro social Xebra proxectará o documental ‘Benvidas ao Club‘, sobre o caso Carioca. O acto comezará ás 19.00 horas e despois haberá un coloquio coa directora, Carmen PG Granxeiro.

O Festival da Panxoliña e a Polifonía de Burela cumpre o sábado a súa trixésima edición. Formacións polifónicas de Campo Lameiro (Pontevedra), La Encina de Mata de San Felices de Buelna (Cantabria) e a agrupación local actuarán desde as 20.30 horas na casa da cultura.

FOZ

Touporroutou Teatro estrea peza nova, ‘Comedia bífida‘, escrita por Manuel Núñez Singala. O grupo focego interpretará a nova obra o sábado, desde as 20.00 horas no colexio Martínez Otero.

Tamén o sábado pero antes, a partir das 12.00 horas na sala Bahía, haberá un obradoiro infantil e xuvenil de danza urbana e contemporánea. Anotan na delegación de cultura.

Pola tarde, ás 18.30 horas no mesmo escenario, celebrarase un espectáculo de danza infantil, ‘Gaia‘, a cargo de Entremans.

LOURENZÁ

A carpa climatizada do Campo dos Bolos acollerá o sábado e mailo domingo o Mercado de Nadal da Acial.

O domingo, no mesmo recinto e desde as 17.00 horas, haberá un recital de maxia a cargo de Hermanager Producións.

MONDOÑEDO

O Concello de Mondoñedo impulsa esta fin de semana unha nova edición, a décimo oitava, das Xornadas de Arqueoloxía de Mondoñedo. Podes consultar o programa na imaxe.

Programa das xornadas de arqueoloxía. AXM

A PONTENOVA

Sés, que ofrecerá un concerto na noite do sábado, encabeza o cartel do Festival das Minas da Pontenova. A cita comeza este venres cun petisco musical de Viti Gutier no Rony Bar. Podes consultar o programa completo no enlace.

O VICEDO

O grupo lucense Ítaca Teatro recreará o sábado a obra ‘Cinco minutos sen respirar‘, desde as 20.00 horas.

VIVEIRO

O venres, na sesión das 23.00 horas, os Multicines de Viveiro proxectan en galego a primeira película do cineasta xovense Xacio Baño, ‘Trote‘.

Xacio Baño, nunha charla en Xove. AXM

Pepe Viyuela chega a Viveiro este domingo co seu espectáculo ‘Encerrona‘. Actuará no teatro Pastor Díaz, ás 19.30 horas. As entradas custan dez euros e pódense adquirir neste enlace.

RIBADEO

O Observatorio da Mariña Pola Igualdade presenta este venres a súa Axenda Feminista 2019 na galería ribadense Terra Branca. O acto comeza ás 20.00 horas.

OLIMPÍADAS DA MARIÑA

Rematan as Olimpíadas da Mariña Central. O pavillón de Mondoñedo acollerá o sábado (17.00 horas) a proba de xogos populares.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here