O Pescados Rubén Burela FS xogará a semifinal na vixésimo oitava edición da Copa Galicia, da que é o vixente campión, despois de gañar no derbi mariñao de Xove (2-6).
Os de Juanma Marrube son o terceiro equipo en obter billete para a fase final, tralos triunfos do Parrulo FS e Santiago Futsal fronte a Cidade de Narón (3-6) e Leis Pontevedra (0-6), respectivamente. Pizarras Tres Cuñados e Noia Portus Apostoli xogaranse a cuarta praza o 13 de febreiro.
O Burela FS saíu con ambición ante un rival que navega pola zona tranquila de Segunda B, como é o Xove FS, e utilizou axiña o porteiro-xogador.
0-3 NO DESCANSO
O cadro que adestra Juanma Marrube púxose por diante con tantos de Renato e Vargas, e o canteirán do cadro laranxa ampliou a renda a tres goles antes do descanso. O Xove deu a réplica no minuto 26, nunha xogada de estratexia que aproveitou Pancho.
Os visitantes apostaron de novo polo xogo de cinco e Vargas marcou axiña a pase de Pope. Os locais responderon cun tanto obra de Manu, que Juanfran neutralizou no minuto 36.
O Xove FS tentou limar diferenzas co xogo de cinco, pero Vargas pechou o marcador co 2-6, o seu terceiro tanto da noite, nun contragolpe.
DEBUT DE JOSELITO
O partido serviu para que a recente incorporación do Pescados Rubén Burela FS, Joselito, tivera os seus primeiros minutos coa zamarra do cadro burelao.