O Concello de Viveiro presentará a Carreira de Montaña Montes de Viveiro (Camovi) o 28 de marzo na Casa de Galicia de Madrid.
O goberno local e maila organización promocionarán o trail, que se celebrará o 27 de abril -despois de que a dirección tivese que adiantala por mor das eleccións xerais- na sede da Xunta de Galicia na capital do Estado, nun acto que comezará ás 12.00 horas.
Coa presentación preténdese, expón o Concello, “dar difusión desta importante proba deportiva, pioneira na comarca e consolidada como un referente entre os amantes do deporte”.
PROGRAMA DA RG
O teatro Pastor Díaz acolleu este martes a gravación do programa da Radio Galega (RG) ‘Convivir Deportivo‘, que dirixe Alfonso Pardo.
A Camovi foi o eixo do programa, que se emitirá posteriormente no seu horario habitual, e que contou coa presenza da alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, e coa intervencións telefónicas do alpinista ourolés Ramón Blanco e do atleta viveirense Adrián Ben.