InicioEconomíaO comité pedirá a Alcoa que se pronuncie a favor de continuar...

O comité pedirá a Alcoa que se pronuncie a favor de continuar en Cervo

Os sindicatos solicitan unha reunión urxente coa dirección para pedirlle que dea marcha atrás no recorte produtivo anunciado e insisten en que sen luz máis barata San Cibrao está "en xaque"

Publicada o

- Advertisement -

O traballadores de Alcoa San Cibrao pedirán á multinacional que renuncie a parar 32 cubas de electrolise, tal e como anunciou o pasado martes, e que se comprometa publicamente coa continuidade na Mariña Lucense como forma de presionar ao Goberno central para que abarate a tarifa eléctrica, condición que require a compañía para non deslocalizar a produción de aluminio.

Os traballadores solicitaron unha reunión urxente co director da planta, Rubén Bartolomé, na que lle pedirán que non leve a cabo as medidas anunciadas, que suporán un recorte de produción do 11,25%. Alcoa xustificou a rebaixa da carga de traballo en base a perdas que cifra “entre seis e sete millóns de euros ao mes” no balance da fábrica de aluminio.

O plan exposto pola multinacional ao comité de empresa consiste en parar o grupo de 32 cubas -das 512 existentes na serie de electrolise- durante un período indefinido, coa posibilidade de rearrincalas no caso de “mellorar as condicións do mercado“. Isto é, unha subida dos prezos e un abaratamento do custo da enerxía eléctrica, que supón o 41% dos gastos de produción da planta de aluminio.

OS OBREIROS VENSE NO ESPELLO DA CORUÑA E AVILÉS

Os traballadores vense reflectidos nas plantas da Coruña e Avilés, primeiro ameazadas de peche e finalmente vendidas ao fondo suízo Parter. “Así é como se empezou nestas factorías, con este tipo de medidas de parar parte da produción”, lembra o sindicalista.

“Na reunión pediremos á directiva que teña paciencia antes de acometer estas medidas e que espere alomenos ata setembro“, explica Xosé Paleo (CIG), o presidente do comité da fábrica de Cervo, en alusión ao prazo máximo para que se constitúa o Executivo estatal.

Os empregados de Alcoa San Cibrao insisten en que o problema da planta é “de vontade política” e piden ás forzas políticas que “conformen un Goberno”, pois sen Executivo e sen un estatuto do consumidor electrointensivo que abarate a luz, sinala, “a fábrica está en xaque” e por ende “a gran industria consumidora de enerxía”.

Unha posible repetición de eleccións sen variacións no marco enerxético, apunta Paleo, “ponnos nun horizonte no que se darán medidas máis drásticas das que se están a dar ata o de agora”.

ACCIÓNS REIVINDICATIVAS

Con todo, ademais de urxir ao Estado a buscar un novo marco enerxético “comprometido desde o ano pasado”, lembra, Paleo precisa que o comité valora solicitar á dirección da multinacional estadounidense que faga un xesto que sirva para deixar ao Executivo central sen excusa para regular o prezo da enerxía. “Queremos que dalgún xeito Alcoa se manifeste publicamente, que se quere seguir a producir no Estado español o diga“, precisa.

Esta será a primeira “dunha serie de accións” reivindicativas que o comité “irá facendo públicas” para asegurar a permanencia da planta.

AFECTARÍA AOS EVENTUAIS QUE CUBREN VACACIÓNS

Con respecto ao tema do emprego eventual, Paleo precisa que “a revisión” anunciada por Alcoa cando culmine o paro das cubas -que se iniciará na segunda quincena do mes-, afectaría “a uns poucos obreiros de Empresas de Traballo Temporal (ETT)” que exercen substituíndo ás persoas que están de baixa ou de vacacións.

Estes temporeiros están contratados aproximadamente desde marzo ata outubro, o groso do período vacacional, e a intención da empresa é prescindir deles “arredor de 20 días antes” de que finalice a relación laboral, un recorte que o comité de empresa solicitará evitar.

O TRABALLADOR FERIDO, ESTABLE

Con respecto ao traballador de Reymogasa, o viveirense A. T., que foi trasladado á Coruña con queimaduras producidas mentres traballaba no departamento de dixestión, segue en estado grave aínda que estable.

O obreiro padeceu queimaduras en arredor do 40% do seu corpo, en zonas como brazos e pernas, aínda que non en partes máis sensibles como os ollos. Permanece sedado na unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Ao longo deste mércores continuou a investigación interna para averiguar as causas do accidente laboral con entrevistas aos traballadores que exercían no momento do incidente.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...