InicioEconomíaFeijóo fai fronte común con Alcoa para urxir ao Goberno a "garantir...

Feijóo fai fronte común con Alcoa para urxir ao Goberno a “garantir a estabilidade” das electrointensivas

O presidente da Xunta, que se reuniu co responsable da multinacional en España, agarda que a ministra de Industria anuncie en Cervo "un marco enerxético" que "manteña o emprego"

Publicada o

- Advertisement -

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, incidiu este luns na necesidade de que o Goberno central “garanta unha estabilidade ao sector” que permita “manter a actividade de Alcoa e os postos de traballo de todo o cadro de persoal”.

Durante unha xuntanza este mediodía co novo presidente de Alcoa, Álvaro Dorado, Feijóo urxiu, unha vez máis, ao Executivo de Pedro Sánchez que “asuma a súa responsabilidade” e aprobe o estatuto do consumidor electrointensivo, comprometido desde o ano pasado.

O presidente do Goberno galego esixiu “un marco normativo que faga máis seguro e competitivo o territorio español” para este tipo de industrias. “Non en van”, subliñou, “o gasto de Alcoa en enerxía supón máis do 40% dos custos totais da produción de aluminio, moi superior a outras fábricas de Europa, dado que o prezo do megavatio/hora subiu un 50% nos dous últimos anos“.

Así mesmo, recordou que “da súa man” está ademais a aprobación da ampliación de 90 a 200 millóns de euros das compensacións dos gastos indirectos de CO2 que “prometeu e que aínda non se produciu”.

Diante desta situación, o responsable do Goberno galego trasladou ao longo da xuntanza a confianza de que a anunciada visita da ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, á factoría de Alcoa San Cibrao sirva para “definir o contido do borrador do estatuto do consumidor electrointensivo suficiente para garantir un prezo competitivo”, garantindo unha resposta aos traballadores de Cervo e aos de Parter na Coruña, así como ao cómputo da industria electrointensiva galega, “que abastece a máis de 5.000 familias”.

DORADO: “TRABALLAMOS UNIDOS”

Pola súa banda, o presidente da multinacional, Álvaro Dorado, rexeitou facer declaracións aos medios á súa saída da sé do Goberno galego e únicamente manifestou que a empresa e a Administración seguen “traballando para o futuro das plantas”.

REDUCIÓN DA PRODUCIÓN DE ALUMINIO

A reunión prodúcese nun contexto de pulso entre Alcoa e o Executivo central. A multinacional considerou “inviable” a fábrica de aluminio primario de San Cibrao, a única existente en España e que dá emprego directo a máis de 600 persoas. A compañía reduciu nas últimas semanas a produción neste departamento do complexo industrial de Cervo nun 11%, suspendendo 32 das 512 cubas de electrolise.

Os obreiros, pola súa banda, anunciaron mobilizacións ante a “pasividade” do Executivo en funcións e tamén da Xunta, á que requiren “unha intervención activa”.

O XOVES, REUNIÓN CO COMITÉ DE EMPRESA

Pola súa banda, Feijóo reiterou que “a Xunta seguirá ofrecendo o seu máximo apoio aos traballadores e poñéndose, como fixo ata o de agora, a disposición das empresas, sempre cunha prioridade: garantir o mantemento dos postos de traballo e a continuidade da actividade industrial”.

Como proba deste compromiso, o presidente do Executivo galego avanzou na xuntanza que o vindeiro xoves reunirase co comité de empresa de Alcoa San Cibrao.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...