InicioEconomíaO comité de Alcoa insta ao PSOE a formar Goberno ao "non...

O comité de Alcoa insta ao PSOE a formar Goberno ao “non ser posible en funcións” regular o prezo da luz

Os sindicatos piden aos socialistas que "faciliten" unha investidura pois temen que de non aprobarse o estatuto das electrointensivas a empresa "toque o emprego"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao pediulle ao PSOE que “facilite a creación dun Goberno central” despois da reunión que os sindicatos mantiveron co secretario xeral dos socialistas en Galicia, Gonzalo Caballero, e outros cargos da formación, na que segundo os obreiros o líder do PSdeG admitiu “que non é posible aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo estando en funcións“.

O presidente do comité de empresa do complexo industrial de Cervo, Xosé Paleo (CIG), lembroulle a Caballero “que o PSOE é quen ten a capacidade agora mesmo de solucionar o noso problema” e instou á formación socialista a “facilitar” unha investidura antes do 23 de setembro, data límite para conformar un Executivo. O vindeiro martes, segundo recolleron varios medios, retomará as negociacións con Unidas Podemos.

“Se non hai investidura e se retrasa a concreción dun novo marco regulatorio da enerxía tememos que esta fábrica dea outro paso e toque o emprego“, asegurou Paleo.

INVESTIMENTOS

Despois dese “primeiro paso”, advertiu Paleo, “o Executivo debe aclarar cal vai ser a súa política enerxética” e se “vai permitir competir a unha industria tan electrointensiva coma esta. Iso non está aclarado nin acadado”, considerou. A luz supón o 40% dos custos de produción da planta de aluminio, que reduciu a súa produción nun 11% -con 32 cubas paradas- e que Alcoa pon en cuestión sen unha tarifa eléctrica máis barata.

Despois de que Caballero reivindicase que o Executivo central “deu unha saída” ás plantas da Coruña e Avilés, que Alcoa vendeu ao fondo suízo Parter, Paleo afirmou que “se retrasou a data de caducidade” das factorías, pois “as electrolises están paradas”, e destacou a necesidade de requerir investimentos á empresa para que San Cibrao teña futuro e non se convirta “en chatarra”, pois “as obras que se fixeron son cativas e non foron o que necesitamos”.

SEN DATA PARA O ENCONTRO COA MINISTRA

Sobre a prometida visita da ministra de Industria, Reyes Maroto, Paleo afirmou que non se concretou unha data. “Queremos que saiba o que supón para A Mariña Lucense está fábrica e que se non nos fai caso a nós, que só queremos traballar, que lle faga caso aos alcaldes e concelleiros socialistas desta bisbarra”.

O PP CUALIFICA A VISITA DE CABALLERO DE “TEATRIÑO”

O Partido Popular (PP) de Lugo cualificou de “teatriño” e de “comedia política” a visita de Caballero e outros cargos socialistas á planta.

Os conservadores aseguran que os representantes do PSdeG-PSOE que se desprazaron a San Cibrao “son os mesmos actores” que visitaron a factoría con anterioridade, no mes de abril, e critican que “sexan capaces de voltar á Mariña Lucense tan só cunha declaración de intencións“, pois “xa naquel entón os socialistas se comprometeran a impulsar a aprobación do estatuto”.

Así, os populares lucenses reclaman “xestións e medidas” que “garantan a supervivencia da empresa e todos os postos de traballo, tanto directos coma indirectos”.

O PP lucense pediu “máis respecto e rigor” trala esixencia formulada por Caballero este luns respecto do delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro. O dirixente socialista instou ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a “cesar” a Balseiro “se non rectifica” as súas “declaracións alarmistas e irresponsables” sobre o futuro da planta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...