O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, asegurou ao comité de empresa do complexo industrial de Cervo, co que se reuniu este martes, que non se rearrincarán as 32 cubas paradas desde o pasado mes de agosto “ata que se aprobe un estatuto do consumidor electrointensivo que dea viabilidade a aluminio“, pero que no tocante ao emprego tampouco prevé por agora “ningún tipo de medida a maiores”.
Así o expuxo o presidente do comité de empresa da fábrica de San Cibrao, Xosé Paleo (CIG), que con todo subliñou a sensación de “incerteza” que o mandatario da multinacional transmitiu aos sindicatos “ao non concretarse as promesas do Goberno central” sobre un abaratamento do prezo da luz “en feitos”.
A POXA, CHAVE PARA O FUTURO A CURTO PRAZO
Deste xeito, a multinacional agarda a convocatoria dunha nova poxa de interrompibilidade, comprometida polo Executivo en funcións, na que en principio se subastarán os bloques de enerxía interrompible para o primeiro semestre de 2020. O resultado da subasta, aínda sen concretar nin no tocante á data nin no relativo ás condicións, semella chave para o futuro a curto prazo da planta de aluminio, toda vez que o reclamado estatuto das electrointensivas deberá esperar, ao convocarse de novo eleccións xerais para o mes de novembro. “Non sabemos se se tiveron en conta as alegacións presentadas ou non”, explica Paleo.
Na anterior subasta, Alcoa levou 40 MW menos por San Cibrao dos 240 obtidos na anterior edición da poxa, un resultado que atribuíu á fragmentación dos bloques e á caída dos prezos de partida. “O tempo avanza sen saber o prezo que terá o megavatio a 1 de xaneiro e iso xera incerteza sobre o futuro”, expón Paleo.
“De non convocar o Goberno a subasta a situación agravaríase moito“, admite o sindicalista, que expón que nin o comité nin a dirección de Alcoa “saben se vai haber poxa e cando vai ser”.
Sobre a petición dos traballadores de poñer en marcha de novo as cubas, Dorado indicou, segundo Paleo, que se fará “cando se dea un marco tarifario que o permita, porque de momento non é así”. Unha situación que a dirección da empresa e os obreiros, que se reunirán de novo “no prazo dun mes”, consideran atribuíble á “inacción” do Goberno central.
TEMOR A OUTRO RECORTE PRODUTIVO
Por parte de Comisións Obreiras (CC OO), José Antonio Zan cre que “se seguimos na mesma dinámica en decembro, coa poxa de interrumpibilidade, Alcoa pode tirar outro recorte. Para salir da situación de perdas”, que a empresa cifra entre catro e cinco millóns mensuais no caso da planta aluminio, “hai dúas opcións; unha delas é parar cubas, como xa fixo a multinacional, e outro investir para acadar un mellor produto, con máis valor engadido, o que non vai facer se non hai un mellor prezo da enerxía“, explica.
Zan resalta que o Goberno reduciu “nun 40% o apoio ao prezo enerxético para as electrointensivas” nos últimos anos, e remarca que o estatuto das electrointensivas podería non ser suficiente, dado que “temos un problema coa interrompibilidade; teñen que estar en consonancia todos os valores que fan baixar a tarifa eléctrica dunha forma estable”, remarca, para agregar que “non pedimos máis ca un prezo competitivo, ao igual que o que hai en Francia ou Alemaña“.
ESTE MÉRCORES, REUNIÓN POLAS MOBILIZACIÓNS
Diante desta situación, os traballadores continuarán co seu calendario de protestas. Os sindicatos reuniranse este mércores para convocar probablemente novos actos reivindicativos. O máis próximo, xa anunciado, será o corte do tráfico na N-642 á altura do cruzamento do Castelo o vindeiro venres, de 14.00 a 14.30 horas.
POLÉMICA NO PLENO PROVINCIAL
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade unha moción do BNG para salvagardar o postos de traballo en Alcoa San Cibrao, na que se incluía a creación dunha tarifa eléctrica galega que compense a Galicia polos custes da produción enerxética. Os nacionalistas contrapuxeron a situación da comunidade á de Euskadi, “cunha tarifa propia que potencia o seu tecido industrial”.
Non saíu adiante unha iniciativa do PP, tombada polo grupo socialista. Os conservadores pretendían que a Deputación instase ao Goberno en funcións de Pedro Sánchez á aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo.
O deputado da formación popular, o focego Javier Castiñeira, cualificou pola súa negativa ao executivo provincial de “partidista“, “con medo ao debate e sen criterio”, mentres que o presidente da Deputación, José Tomé, asegurou que o PP “ten moi pouco que ofrecer a Alcoa. Que fixo o Goberno de Rajoy?”, preguntou.