O comité de empresa de Alcoa reuniuse este xoves en San Cibrao con alcaldes e concelleiros da Mariña Lucense para pedirlles apoio de cara á concentración prevista para o 14 de decembro fronte á Subdelegación do Goberno en Lugo.
Os sindicatos solicitaron aos representantes dos gobernos locais mariñaos que fleten autobuses para acudir á protesta, prevista para as 12.00 horas, e tamén que chamen á veciñanza dos seus municipios a participar nun acto que “ten que ser a reivindicación da Mariña Lucense e da provincia de Lugo. Fainos máis falta agora ca nunca”, argumenta o presidente do comité do complexo industrial de Alcoa, José Antonio Zan.
O sindicalista insiste na situación “crítica” da fábrica de aluminio de San Cibrao, que dá emprego a máis de 600 traballadores, tras publicar o Goberno central as condicións da poxa de interrompibilidade para o primeiro semestre de 2020.
A rebaixa da potencia a subastar –de 2.340 a 1.000 MW– e a fragmentación dos bloques -elimínanse os paquetes de 40 MW para poñer á venta só lotes de cinco– abren o concurso a moitos aspirantes e resultan prexudiciais para os intereses de factorías altamente dependentes do prezo da electricidade, como é a fábrica de aluminio de San Cibrao, onde supón o 40% dos custos de produción. Isto significa que a planta, que Alcoa ve “inviable” sen un abaratamento da enerxía eléctrica, perderá case con total probabilidade un dos principais mecanismos que o Estado dispón para aliviar o prezo da luz ás electrointensivas.
MAROTO PROMETERA “CONDICIÓNS IDÉNTICAS” NA POXA
Diante dunha situación que os sindicatos cualifican de “emerxencia”, Zan resalta que o comité entregará unha carta á subdelegada do Goberno para solicitar a apertura dunha mesa de seguimento para o futuro da planta, comprometida “hai máis de dous meses” pola ministra de Industria, Reyes Maroto, na súa visita a San Cibrao. O sindicalista expón que “non houbo novas” desde entón do Executivo, máis alá da publicación das condicións da poxa de interrompibilidade.
O comité móstrase “decepcionado” pola “actitude” do Estado e lembra que a propia Maroto, na mesma visita, prometeu que as condicións da poxa de interrompibilidade “serían idénticas” ás de xuño do 2019, cando se subastou a potencia interrompible para o segundo semestre do exercicio. “A ministra mentiu“, lamenta Zan, “e iso parécenos gravísimo, porque trátase dunha autoridade ao máximo nivel”.
PENDENTE UNHA REUNIÓN COA DIRECCIÓN DA EMPRESA
A intención dos traballadores coa protesta é que “quen teña que lexislar abra dunha vez os ollos, e non espere atoparse enriba da mesa con outro problema como o de Coruña e Avilés”, expón en referencia ás plantas de Alcoa recentemente vendidas ao fondo suízo Parter, e nas que se pararon as electrolises. Zan insiste na necesidade de rebaixar o prezo do megavatio a unha cantidade entre os 30 e os 35 euros, que equipare as condicións da planta de aluminio de San Cibrao coas doutros países como Francia ou Alemaña.
Os traballadores solicitaron unha reunión á dirección da empresa en España para avaliar as condicións da poxa de interrompibilidade e as súas posibles consecuencias para Alcoa, pero polo momento non será posible dado que o máximo dirixente da multinacional a nivel español, Álvaro Dorado, atópase en Pittsburgh -sé da compañía-. “Sabemos que é o que pensa a empresa, así como as empresas elecrointensivas”, resalta Zan.
O plan de axuste anunciado por Alcoa a nivel mundial, para un prazo de cinco anos, no que inclúe a posibilidade de pechar plantas e reducir a produción, fixo temer aos traballadores polo emprego, dadas as constantes ameazas da multinacional, e o feito de que “practicamente desapareza” a poxa de interrompibilidade é “un xarro de auga fría. Os primeiros que imos de cabeza podemos ser nós”, alerta Zan.
A CIG CRITICA A “INOPERANCIA” DO GOBERNO
A CIG emitiu un comunicado no que criticou “a inoperancia” do Executivo estatal, que leva “meses incumprindo as súas propias leis (non esquezamos que o RD 20/2018 establecía un prazo de seis meses para a posta en marcha do estatuto do consumidor electrointensivo) e que nos leva a unha nova poxa de interrompibilidade en peores condicións, e que só servirá para agravar a crise na que está sumida a industria electrointensiva a causa dos elevados custes do prezo da enerxía”, criticou o secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, que reclama “a creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva que favoreza o mantemento dos empregos e da actividade produtiva”.