Un total de doce concellos da Mariña Lucense –O Vicedo, Foz, Xove, Trabada, Burela, Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Barreiros, Cervo, O Valadouro e Lourenzá– fletarán autobuses gratuítos para asistir á concentración convocada polo comité de empresa de Alcoa en Lugo, o vindeiro sábado, 14 de decembro.
Os sindicatos pediron o pasado xoves axuda aos gobernos locais para que a protesta sexa “a gran reivindicación da Mariña Lucense“.
As prazas dos autocares serán de balde, pero as persoas interesadas deberán anotarse chamando aos consistorios, que as informarán sobre os horarios de saída. No Vicedo (982.59.00.29), o punto de partida será a casa do concello; en Foz (982.14.00.27), sairase do peirao; en Xove (982.59.20.01), do centro cívico; en Trabada (982.13.05.11) e Lourenzá (982.12.10.06), da Praza do Concello; en Burela (982.58.60.00), Ribadeo (982.12.86.50), Mondoñedo (982.52.40.03) e Viveiro (982.56.01.28), da estación de autobuses; en Barreiros (982.12.40.02), do Restaurante O Asador; en Cervo (982.59.51.57), da Casa do Mar de San Cibrao; do Valadouro (982.57.40.00), da extensión do matadoiro.

“EN GRAVE RISCO”
A concentración será fronte á Subdelegación do Goberno central. O comité entregará aos representantes do Executivo na provincia unha carta coa que reclamar “a apertura urxente da mesa de seguimento polo futuro da planta de Alcoa comprometida no seu día pola ministra, na súa visita ao complexo industrial de San Cibrao”, expón o presidente do organismo de representación dos traballadores, José Antonio Zan.
Ante a situación da planta de aluminio, que a multinacional estadounidense ve “inviable” sen un abaratamento da enerxía eléctrica e nunha situación “complicada” tras publicarse as condicións da poxa de interrompibilidade para o primeiro semestre de 2020, o sindicalista cargou este luns contra o Goberno central, ao que acusa de “non querer industria” para “contaminar menos”.
XUNTANZA DOS SINDICATOS CON PONTÓN ESTE MARTES
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, entrevistarase este martes cos traballadores. É a segunda representante política a nivel galego que manterá unha xuntanza co novo comité de Alcoa –saído das eleccións sindicais do pasado novembro– tras Luís Villares, líder de En Marea.
DOAZÓN DE XOÁN GUERREIRO
O pintor xovense Xoán Guerreiro doará 200 gravados ao comité de empresa cos que abrir a caixa de resistencia dos traballadores, unha iniciativa que se presentará o vindeiro mércores no consistorio de Xove.