InicioEconomíaTraballadores de Alcoa San Cibrao temen un ERE na planta

Traballadores de Alcoa San Cibrao temen un ERE na planta

O comité de empresa considera "inminente" un recorte do emprego tras perder "15 millóns de euros en ingresos" respecto á anterior poxa de interrompibilidade

Publicada o

- Advertisement -

O presidente do comité de empresa da factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo, José Antonio Zan, acusou este luns a Red Eléctrica de favorecer un posible Expediente de Regulación de Emprego (ERE) nesta planta cos prezos da luz. Así o sinalou tras a última poxa de interrompibilidade, na cal Alcoa asegurou ingresar un 90 por cento menos, o que fai “inviable” producir aluminio en España.

“Isto quere dicir que Red Eléctrica lle vai facer os papeis do ERE a Aloca, que non vai ter nin que presentalos, simplemente presentando o resultado da poxa e ao que vai saír o ano que vén o prezo do megawatt xa nos poderían aplicar o ERE”, lamenta Zan.

“Agora eu espero que Pedro Sánchez cumpra coa súa palabra e chame a Pittsburgh (sede da multinacional americana) e evite o ERE”, empraza.

550 TRABALLADORES

Ademais, alerta de que a situación da planta de San Cibrao é “máis complicada” que a que levou ao peche das de Avilés e a da Coruña.

“Estas empresas, polo persoal que teñen (Avilés e Coruña), sobre 300 traballadores cada unha, podían funcionar como fundición e pór despois laminadores e pasar ao aluminio verde. Nós, polo tamaño da planta, temos 550 traballadores, só 100 en fundición. Sería imposible dar traballo aos outros 450 nun aluminio secundario“, avisa.

PIDEN UNHA REUNIÓN COA DIRECCIÓN

O comité de empresa solicitou unha reunión á dirección de Alcoa para que a multinacional valore o resultado da poxa de interrompibilidade cos sindicatos; ata o de agora, só o fixo a través dun comunicado de prensa.

Zan prevé que a perda de ingresos de Alcoa con respecto á anterior poxa de interrompibilidade alcance os 15 millóns de euros. “Semella que (a multinacional) colleu os mesmos MW que no pasado mes de xuño (daquela foran 200 MW), posto que case a metade dos MW que se conseguiron na subasta veñen para Galicia. Tendo en conta que nós tivemos que adquirir moitos, porque somos os que máis consumimos en España. O problema son os prezos, que probablemente nos meten nun ERE”, conclúe.

TRANSICIÓN ECOLÓXICA DESCARTA UNHA POXA EXTRAORDINARIA DE INTERROMPIBILIDADE

O Ministerio de Transición Ecolóxica respondeu aos tres grandes sindicatos a nivel estatal –CC OO, UGT e USO– e á Asociación de Empresas con Gran consumo de Enerxía (Aege), que solicitaron a convocatoria dunha poxa extraordinaria de interrompibilidade.

Sen descartalo expresamente, o Goberno central parece pechar a porta a esa posibilidade e xustifica a caída da potencia a subastar na última convocatoria -de 2.340 a 1.000 MW- nas demandas da Comisión Europea, que “desde o ano 2017 incidiu na necesidade de xustificar o volume da potencia interrompible (…) En particular, cuestionou o elevado volume do servizo nun país con execeso de capacidade de xeración”, concluíu.

O Ministerio cifra en 47,67 euros/MW/hora o prezo da electricidade para as cinco maiores electrointensivas do país “unha vez descontadas as axudas e compensacións por interrompibilidade e costes indirectos de CO2”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...