InicioEconomíaO comité pide ao Goberno convocar a mesa multilateral e a poxa...

O comité pide ao Goberno convocar a mesa multilateral e a poxa de interrompibilidade para evitar o ERE

Os sindicatos esixen ao Executivo que, mentres non aproba un novo marco enerxético, utilice "os mecanismos existentes" para frear o despedimento colectivo e o apagado das cubas

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/axencias. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, afirmou que, se o Goberno central, “por unha banda”, saca a poxa de interrompibilidade con bloques de 90 MWcomo solicitou este martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e, por outra, as compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2), a postura da multinacional sobre o prezo enerxético “caen polo chan”.

Entende o comité que, mentres o Goberno central non aproba un marco regulatorio para a enerxía eléctrica, son dúas medidas “vitais” para evitar que “paren as cubas” en San Cibrao e saia adiante o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado por Alcoa na planta de aluminio, onde pretende despedir a ata 534 empregados, un recorte produtivo que suporía tamén que cesen máis de 400 obreiros de empresas auxiliares.

Respecto da poxa de interrompibilidade, Zan lembra que se trata dunha petición xa realizada a principios de ano e tamén no pasado mes de maio, pero “nas mesmas condicións que no 2018, non como a última, que foi un fiasco”.

Despois de que o Goberno central rebaixase a cantidade de potencia a subastar, fragmentase os bloques e reducise os prezos de saída, Alcoa saíu en decembro malparada desta poxa -que supón para moitos unha axuda encuberta ás empresas grandes consumidoras de luz-, e tras cifrar “nun 90%” a caída dos seus ingresos nesta materia, asegurou que fabricar aluminio primario na Mariña Lucense “é inviable”.

275 MILLÓNS POR COMPENSACIÓNS DE EMISIÓNS INDIRECTAS DE CO2

Os obreiros reiteran esta petición dado que “vemos que Alcoa segue para diante pero o famoso estatuto das electrointensivas non aparece por ningún lado; a ministra (Reyes Maroto) segue sen dar unha solución”, lamenta Zan, que reclama tamén ao Executivo central “que se aproben as compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2), para mentres tanto darlle estabilidade ao sistema”.

Así, reclama ao Goberno que cumpra co seu compromiso de activar 275 millóns de euros nesta materia.

ESIXEN A PRESENZA DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA NAS NEGOCIACIÓNS

“A solución é poñer un marco enerxético ligado a investimentos”, insiste o presidente do comité, que resalta que as reunións sobre o futuro da factoría pódense celebrar “rapidamente” no canto de ter que “parar as cubas” para tomar estas medidas que considera “vitais”.

Unha das reivindicacións dos obreiros é que se convoque canto antes a mesa multilateral polo futuro da planta, coa presenza de Alcoa, sindicatos, Xunta e os Ministerios de Industria e tamén de Transición Ecolóxica, “cuxa presenza xa se solicitara desde este comité con anterioridade sen ningún resultado”.

A XUNTA DESCARTA UNHA INTERVENCIÓN

Preguntado por se o Goberno da Xunta se compromete a apoiar unha intervención para salvar a planta de aluminio, Zan expuxo que o compromiso do Goberno autonómico pasa por “un plan de investimentos a partir de fondos europeos e a aprobación dun préstamo participativo“, condicionado “á creación dun marco enerxético estable”.

COLABORACIÓN CON ASTURIAS E CANTABRIA

Así mesmo, o comité solicitou a Feijóo que se poña en contacto cos seus homólogos de Asturias e Cantabria para que pidan “unha reunión directa con Pedro Sánchez” e busque unha solución cos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica.

No tocante a este extremo, Núñez Feijóo subliñou que as alegacións de Galicia, Asturias e Cantabria “están por escrito”, pero “non hai ningún inconvinte” en falar cos presidentes das outras dúas autonomías “se queren actualizar o seu posicionamento”. Con todo, asevera que na conferencia de presidentes xa mostraron a súa preocupación polo prezo da enerxía.

INVESTIDORES

Cuestionado sobre investidores interesados en comprar a planta, Zan remarca que calquera proxecto pasa por ter un prezo da enerxía “estable” e “competitivo” para ter esa “viabilidade. A piques de chegar o 1 de xullo non sabemos se imos ter poxa de interrompibilidade”, lamenta.

CRÍTICAS A MAROTO

Maroto dixo este martes que o problema de Alcoa non é o prezo da enerxía, senón a falta de investimentos da empresa. Preguntado sobre isto, Zan respondeu: “A ministra de Industria leva desde hai 18 meses dicindo que vai facer un estatuto de electrointensivos e tamén é mentira; así que de pouco serve estar a marear a perdiz”, concluíu.

“Se é tan incompetente para levar tantos meses sen facer un estatuto o mellor é que se vaia para a súa casa”, espetou Zan a Maroto, á vez que reprochou que “nin sequera” comunicou que alegacións “entran” ás realizadas ao texto.

Este mércores, 17 de xuño, os representantes dos traballadores terá outra reunión coa dirección de Alcoa nun restaurante de Lugo a partir das 9.30 horas nun encontro no marco do período informal antes das negociacións formais polo ERE.

EVITAR ESCRACHES

Sobre o cambio de plans respecto da reunión co presidente da Xunta, anunciada en principio para este mesmo martes en San Cibrao e finalmente celebrada en Santiago de Compostela, o comité expuxo por escrito que tentou evitar “un escrache“, lembrando que os sindicatos “debemos reunirnos con calquera partido e institución que o solicite”.

Neste sentido, recordou as xuntanzas mantidas con dirixentes de PSOE, PP, BNG, Marea Galeguista ou Galicia En Común “sen que se producisen actos similiares”.

Os traballadores agradecen á Mariña Lucense o apoio recibido nas mobilizacións polo futuro da planta, a última delas en Foz, e solicitan aos veciños “que sigan apoiando este comité”.

CC OO PIDE RECUPERAR A AUTORIZACIÓN DA AUTORIDADE LABORAL NOS ERE

O sindicato CCOO urxiu ao Goberno a aprobar un decreto de medidas urxentes que recupere a autorización da autoridade laboral nos ERE colectivos -eliminada na reforma laboral de 2012-, para evitar o despedimento de miles de traballadores en Nissan e Alcoa.

Nunha resolución aprobada polo seu Consello Confederal, CCOO defende que “é urxente dotarse de mecanismos para evitar o peche de Nissan e Alcoa e de moitas outras empresas”, e recorda que recuperar a autorización da autoridade laboral está dentro dos modelos dos estados membros da Unión Europea (UE).

Como exemplo, pon que en Francia as empresas teñen a obriga de iniciar un proceso de información e consulta cos traballadores e as administracións cun ano de antelación.

Nun comunicado, o sindicato recoñece que as decisións de Alcoa no sector do aluminio e Nissan no do automóbil responden a estratexias das multinacionais que nun caso teñen que ver co abandono da produción de aceiro primario en España, e no outro coa distribución xeográfica do grupo Renault-Nissan-Mitsubishi trala súa alianza.

No entanto, argumenta que as decisións estratéxicas das empresas tamén teñen que ver coas condicións normativas, procesais e económicas e incide en que a reforma laboral de 2012 eliminou un dos instrumentos de intervención política nos procesos de reestruturación e peches de empresas: a autorización preceptiva da autoridade laboral competente.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...