A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, pediu á multinacional estadounidense Alcoa que dea unha resposta ás alternativas expostas polo Goberno central, ao considerar que “ten unha obriga con Galicia e con España“.
Na sesión de control ao Executivo estatal, Maroto argumentou que sempre é mellor apostar por unha solución que polo peche da planta, e pediu á Xunta de Galicia que esixa unha ampliación do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE), que vence o venres. A ministra lembrou que o Goberno puxo sobre a mesa de Alcoa distintos mecanismos, entre eles un plan industrial, que ao principio a multinacional rexeitou e que agora “parece estar a valorar“.
Paralelamente, Industria segue traballando na procura de investidores interesados en aproveitar a actividade produtiva da planta. Por iso, sinalou que a empresa ten actualmente dúas alternativas: ou facer investimentos na planta con outros socios ou vendela.
O BNG RECLAMA A INTERVENCIÓN
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considerou que a “única solución” para a planta galega é a intervención pública. Deste xeito, lembroulle á Ministra de Industria que Alcoa xa rexeitou a proposta de vender e a de buscar investidores ou socios enerxéticos e que persiste na súa folla de ruta, que é a de parar as cubas e fechar a planta de aluminio.
O deputado do BNG lamentou que Maroto, eludise responder claramente se o Goberno español ten vontade de nacionalizar ou non a planta de San Cibrao.

Podes ler a información completa no Galicia Confidencial.
RETÓMANSE AS CONVERSAS DO ERE
Por outra banda, o comité de empresa de Alcoa San Cibrao retomou na mañá deste mércores as negociacións o período de consultas do ERE, que suporía o despedimento de 534 obreiros na planta de aluminio e outros 400 en auxiliares.
O presidente do comité, en declaracións a Efe, recoñeceu que, “neste momento, a empresa só quere falar dunha alternativa”, que pasa polo “peche” da fábrica de aluminio primario e o “despedimento” dos traballadores.
Así o asegurou que o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, esta mañá, antes de entrar na reunión que se está celebrando nun restaurante de Lugo entre a representación dos traballadores e os enviados pola multinacional.
O COMITÉ URXE AO GOBERNO A QUE PRESENTE POR ESCRITO O PLAN INDUSTRIAL
Zan reclamou ao Goberno central que presente por escrito, como comprometeu, a proposta de plan industrial para a planta de aluminio. “Seguimos esperando por ela. Estamos ansiosos por recibila. Onte non a recibimos. Puxémonos en contacto co Ministerio, pero tampouco nos colleron o teléfono. Esperamos que canto antes nos devolvan as chamadas e nos envíen a documentación”, precisou o presidente do comité.
Segundo Zan trátase “dunha documentación máis que clave para a solución, a dous días da finalización” do período “formal” de consultas do ERE. De feito, recordou que o Ministerio comprometeuse a facer chegar a documentación do plan industrial e enerxético para Alcoa onte, así como a fixar unha data para a reunión da mesa multilateral, na que está presente a empresa, o comité e as Administracións públicas.
En todo caso, dixo que aínda hai tempo para reconducir esta situación, “se a empresa ten interese” ou se lle “obriga” a poñer outras opcións encima da mesa, non só a aplicación dun ERE?.
“ALCOA SÓ FALA DE PARO DAS CUBAS E DE DESPEDIMENTOS”
“Imos ser claros, a negociación da empresa non é a negociación dun ERE. A negociación dun ERE é para buscar solucións e analizar as alternativas que hai. Alcoa só quere falar dunha alternativa. O paro das cubas e o despedimento, nada máis?, insistiu.
Por iso, recoñeceu que a situación está “peor que ao principio”, porque “só quedan dous días” e “ese ultimátum que dixo o Goberno que ía dar, non se viu por ningún lado”.
En canto á folga indefinida convocada na factoría por parte do comité, Zan dixo que os traballadores están “cumprindo” e loitando polos seus postos de traballo. “Agora quen ten que dar o Do de peito é o Goberno. Poñer á multinacional no seu sitio e parar este ERE”, concluíu.