InicioEconomíaAlcoa, sen acordo con Liberty House para pechar a primeira fase, pospón...

Alcoa, sen acordo con Liberty House para pechar a primeira fase, pospón ao venres a mesa multilateral

A titular insiste en atribuír á potencial compradora a falta de entendemento no proceso de venda de Aluminio, mentres que a siderúrxica británica garda silencio sobre as negociacións

Publicada o

- Advertisement -

A multinacional Alcoa pospuxo para o vindeiro venres a reunión da mesa multilateral para fiscalizar o proceso de venda da planta de aluminio, despois de que a titular e Liberty House non alcanzasen polo momento un acordo para finalizar a primeira fase do calendario. A xuntanza telemática -en principio prevista para este xoves e na que participarán os sindicatos CC OO, CIG e UGT, o comité de empresa do complexo industrial de San Cibrao, Xunta de Galicia e Goberno central– será ás 12.00 horas, previa á asemblea (14.30) convocada para esa mesma xornada polos delegados sindicais dos traballadores.

NA MESMA XORNADA HABERÁ ASEMBLEA DE PERSOAL

A titular das instalacións segue a atribuír á potencial compradora a falla de acordo. Fontes de Alcoa afirman estar “á espera” dunha “resposta” de Liberty House para concluír a primeira parte das negociacións, trala que se realizaría unha auditoría (‘due diligence’) in situ da fábrica, cunha visita dos directivos da siderúrxica británica a San Cibrao. As conversas van con retraso sobre o plan inicial previsto, dado que se estimaba que o pasado 31 de agosto finalizase a primeira fase, segundo un calendario que estipula que a empresa investidora deberá unha oferta vinculante como moi tarde o 11 de setembro, a fin de negociar ata o día 27 (inclusive) un preacordo.

De non haber pacto na data límite, sindicatos e Alcoa retomarían o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na planta de aluminio, que suporía máis de 900 despedimentos entre a fábrica e a industria auxiliar.

LIBERTY HOUSE NON SE PRONUNCIA

Malia que ambas empresas seguen negociando, as mesmas fontes de Alcoa consultadas aseguran que “nada cambiou” desde o pasado martes, cando a titular acusou a Liberty House de realizar “demandas non razoables”. A siderúrxica británica tenta polo de agora incluír nas negociacións a planta de alúmina, que a multinacional estadounidense asegura non ter a intención de vender.

Fontes de Liberty House consultadas polo Xornal da Mariña evitaron pronunciarse sobre as acusacións de Alcoa nin quixeron tampouco ofrecer a súa versión da negociación, aínda que si matizan que os procedementos para este tipo de operacións son habitualmente discontinuos e poden padecer tanto encallamentos como aceleracións.

A postura de Alcoa foi criticada nos últimos días polos traballadores, que afirmaron que a propietaria está a poñer “todas as trabas posibles” para non vender. Deste xeito, convocaron unha xuntanza na Praza Maior de Viveiro, o vindeiro domingo, na que expresarán o seu apoio a unha venda repartindo cascos de Liberty House.

A SITUACIÓN DA PLANTA CÓASE NO DEBATE DE INVESTIDURA

Por outra banda, a situación de Alcoa protagonizou este xoves parte do debate de investidura de Alberto Núñez Feijóo (Partido Popular) como presidente da Xunta de Galicia. O candidato do PP, finalmente elixido por maioría absoluta cos votos a favor -42- da súa formación, centrou de novo o seu discurso no Goberno central.

FEIJÓO INSISTE EN APUNTAR AO GOBERNO CENTRAL

“Teño todo o compromiso de falar co Goberno central de Alcoa en serio. Primeiro non damos ningunha capacidade enerxética ás empresas hiperelectrointensivas e cando pechan tomámolas en serio. Eu tomábaas en serio antes de pechar, tómoas en serio para que non pechen e axudarei ao presidente do Executivo a calquera solución que nos dea garantías de emprego na Mariña Lucense e nesa fábrica de aluminio primario que Galicia tanto necesita. E espero dar novas positivas, cousa que agora non teño. Prescindir dela sería un disparate económico e social”, asegurou.

PONTÓN RECLAMA “MEDIDAS EXTRAORDINARIAS” PARA O PERSOAL

Ana Pontón, líder do BNG, partido maioritario da oposición, reclamou “a necesidade dun Plan de galego de reindustrialización que recolla a identificación e o impulso a sectores estratéxicos con grandes potencialidades de crecemento, como o da aeronáutica, agroindustria ou automoción, e que combata a deslocalización das actividades auxiliares da industria galega, ademais da necesidade de medidas extraordinarias para o persoal de Endesa nas Pontes e Alcoa en San Cibrao, xunto con alternativas para unha transición enerxética xusta e para a comarca da Mariña“. Advertiu, ademais, de que “resulta imposíbel avanzar cando a política industrial do PP son as portas xiratorias”. Finalmente, apelou a unha tarifa eléctrica galega e a “impulsar unha Lei de recuperación e explotación pública directa dos saltos hidroeléctricos de competencia galega”.

CABALLERO INSTA Á XUNTA A “IMPLICARSE”

Finalmente, o voceiro do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, urxiu á Xunta a “implicarse na busca de futuro para Alcoa despois de que o Goberno de España atopase un inversor interesado”.

“O Estatuto de Autonomía de Galicia dános plenas competencias na cuestión económica”, recordou o secretario xeral dos socialistas galegos, para lamentar así a “ausencia” de medidas e de enfoque por parte do Goberno autonómico.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...