O comité de empresa de Alcoa San Cibrao expuxo este venres, despois da reunión da mesa multilateral que fiscaliza o proceso de venda da planta de aluminio a Liberty House, que o Goberno central e a Xunta de Galicia fixeron á propietaria das instalacións “unha proposta de mediación” que a titular “debe aceptar”, segundo os sindicatos, para que frutifique a operación.
Os representantes dos traballadores do complexo industrial de Cervo explicaron trala celebración da mesa, na que participan comité, centrais sindicais a nivel estatal (CC OO, CIG e UGT), Administracións e a propia Alcoa, que o Executivo realizou unha proposta de mediación que “vemos factible e boa” tanto para a propietaria como para a potencial compradora da factoría. Unha proposición que “é a que cremos que (a titular) debe seguir”, argumentaron.
“Alcoa ten que estudar esta proposición e deixar de bloquear a negociación, porque actúa de moi mala fe e non colabora coa Administracións nin cos sindicatos. Debe deixarse de contos e de utilizar os medios de comunicación para meter trabas ao proceso”, advertiu o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.
Ademais, desvelou o comité, Alcoa estuda “unha oferta realizada por Liberty House a pasada noite”.
O sindicalista valora que Xunta e Goberno “traballan moi unidos por unha solución” e “estannos apoiando ao 100%“, o que o comité ve como “a única forma de saír de todo isto. Se temos as Administracións da nosa parte conseguiremos que a venda sexa efectiva o vindeiro día 27”, sostivo.
SEN AVANCES NA NEGOCIACIÓN
O 27 de setembro finaliza o prazo acordado por Alcoa e os sindicatos a fin de suspender o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional estadounidense na planta de aluminio. De non haber preacordo, a titular das instalacións e a parte social retomarían ao día seguinte as negociacións do despedimento colectivo.
Alcoa acusou a Liberty House de “poñer en risco” unha venda ao formular “demandas non razoables”. Mentres que a siderúrxica británica pide un contrato de subministro de alúmina a longo prazo, de xeito que teña garantías de fornezo para realizar investimentos na fábrica de aluminio, a propietaria négase a chegar a un acordo por máis de cinco anos. A potencial compradora, que prevé investir 1.000 millóns a medio-longo prazo nas instalacións, teme un peche da refinería que a deixase sen materia prima.
A CIG VE A ALCOA “MÁIS PREOCUPADA POR PREPARAR A PARADA DE CUBAS” QUE POR NEGOCIAR
Segundo expuxo nun comunicado, a CIG instou na mesa a Alcoa a abandonar “os seus plans de peche” e a desbloquear as negociacións con GFG Alliance (Liberty House) de cara a facilitar unha venda que garanta os empregos e a continuidade produtiva na fábrica de San Cibrao sen parada das cubas de electrólise. O sindicato nacionalista urxe á propietaria a aceptar a mediación das Administracións, ou estará “dinamitando” o pacto suscrito coa parte social.
As cinco reunións da mesa de seguimento, engade o sindicato, “evidencian que Alcoa está a pór obstáculos imposibles” para acadar “a saída” que nestes momentos está enriba da mesa: o proxecto industrial do grupo británico. O secretario xeral da central, Paulo Carril, preocúpalle que titular das instalacións teña “máis preocupación por preparar un escenario de paradas das cubas que por traballar de forma decidida pola continuidade da produción”. Non imos consentir que se traslade un posíbel fracaso das negociacións á mesa laboral ou que se queira precipitar todo á mesa negociadora do ERE o próximo 28 de setembro”, advertiu.
A CIG censura as “demandas imposibles” de Alcoa, “como dispor dun contrato de subministros de alúmina máis alá dos cinco anos, tendo en conta que Alcoa “aterrizou no estado español reclamando garantías, subministros e prezos por prazos moi superiores“.
De igual xeito, criticou que Alcoa insista tanto nos custes de separación cando estes teñen a ver con cuestións relativas a concesións ou permisos que dependen das Administracións públicas. “Para que esta operación vaia adiante necesítase unha vontade de vender que Alcoa parece que non ten”, espetou o sndicalista.
Carril lembrou tamén a situación dos centos de traballadores das empresas auxiliares que “non teñen cauce onde abordar a súa problemática” no proceso malia seren afectados directos.
ESTA NOITE, MARCHA NOCTURNA EN MONDOÑEDO
Así as cousas, os traballadores convocaron unha nova protesta, esta noite en Mondoñedo. Os asistentes partirán da estación de autobuses (23.00 horas) á Praza da Catedral, nunha marcha nocturna na que o comité entregará lanternas a quen o precise, e coa que pretende reivindicar unha solución para a planta.
Unha manifestación que contará co apoio do Concello de Mondoñedo.