O comité: se as Administracións non frean a Alcoa “ponse en tela de xuízo o Estado de dereito”

Os sindicatos insisten en que non asinarán unha parada de cubas: "iremos ata o final e esperamos que as Administracións nos apoien ata o final"

Manifestación en Xove polo futuro de Alcoa. EP/GC

O comité de empresa de Alcoa asegurou que o conflito laboral da planta de aluminio de San Cibrao, que a propietaria se nega a vender e que existe en pechar malia a existencia dun potencial comprador e mesmo dunha oferta do Goberno central, está a poñer “en tela de xuízo o Estado de dereito“.

Antes de entrar á reunión para retomar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola empresa, que segundo a primeira proposta da multinacional suporía máis de 900 despedimentos entre a factoría e as empresas auxiliares, ademais da parada das cubas de electrólise, o corazón do complexo industrial de Cervo, o presidente do comité, José Antonio Zan, afirmou que Xunta e Goberno central “teñen que levantarse”

“O problema non é só que este país deixe de producir aluminio primario, que perda un sector declarado esencial e que non podía parar pola Covid-19, é que cando unha multinacional pon de xeonllos a un Goberno e a unha Xunta, estamos poñendo en tela de xuízo o país. Teñen que levantarse e dicir que basta xa”, manifestou.

“Agardamos que sexa verdade o que nos din as Administracións, que nos van apoiar ata o final, porque os traballadores imos ir ata o final”, afirmou. O comité insistiu en que na negociación que do ERE que se está a retomar arestora en Nigrán non vai asinar a parada de cubas. “A sociedade díxoo onte moi claro en Xove“, espetou.

“NON HAI DEREITO A DEIXAR A ESPAÑA SEN UNHA INDUSTRIA QUE ESTE PAÍS CONSTRUÍU”

Zan afeou a actitude de Alcoa, que rompeu as conversas “sen acabar o prazo e sen responder á última proposta do Goberno para mercar a empresa” a través da SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais). Esta postura evidencia, argumentou, a “mala fe” da multinacional.

“Non se pode permitir que unha multinacional xogue cunha comarca e a devolva a 1970. Desta fábrica depende a transformación de aluminio, non pode ser que unha empresa acabe coa industria dun país. Esta empresa era da SEPI, vendeulla a Alcoa, e unha compañía non ten dereito a deixar a España sen algo que España construíu, con expropiacións de terreos e millóns investidos; seriamos unha República bananeira“, concluíu.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here