InicioEconomíaAs formas de Alcoa: deu documentos en inglés e eludiu responder á...

As formas de Alcoa: deu documentos en inglés e eludiu responder á SEPI e estudar melloras no marco da luz

A última advertencia da Consellería de Emprego para disuadir á multinacional de que aplicase o ERE desvela algúns dos comportamentos da empresa na negociación do despedimento colectivo

Publicada o

- Advertisement -

Non serviu de moito alomenos no práctico, dado que Alcoa seguiu adiante cos seus plans e anunciou apenas unhas horas despois un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporá máis de 900 despedimentos entre a planta de aluminio e a industria auxiliar, pero a última advertencia da Xunta de Galicia, a autoridade laboral, para que a multinacional desistise de aplicar un despedimento colectivo na planta de aluminio, permite coñecer a forma de actuar da titular das instalacións durante o período de consultas.

A Xunta advirte a Alcoa de que “infrinxiu o deber de boa fe contractual” durante a negociación do despedimento colectivo. O proceso foi posto en marcha antes das conversacións erradas para a venda da planta de Cervo a Liberty House e posteriormente reactivado, chegando á súa fin, proceso xudicial aparte, este venres.

A XUNTA CRE QUE “INFRIXIU O DEBER DE BOA FE”

A xefatura territorial da Consellería de Emprego en Lugo foi a que remitiu o aviso á compañía este venres. No escrito a Alcoa Inespal, a autoridade laboral pon á compañía en coñecemento de que, “ao longo do proceso de negociación do despedimento colectivo proposto pola empresa, infrinxiu o deber de boa fe contractual ao que está obrigada en aplicación da normativa laboral ao realizar numerosas actuacións e comportamentos”.

NEGOUSE A SUSPENDER O PROCESO MALIA O PECHE DA COMARCA POLA COVID-19

Entre estas “actuacións e comportamentos” cos que “infrinxiu o deber de boa fe”, a autoridade laboral refírese, en primeiro lugar, a que se negou á suspensión do proceso no seu inicio “malia atoparse a comarca en estado de confinamento pola covid-19“. En segundo término, censura que fixo entrega ao comité de empresa de documentación necesaria para a acreditación das causas alegadas para as extincións dos contratos “en lingua non oficial (inglés) en dúas ocasións” e, en terceiro posto, lamenta que rexeitou o ofrecemento de mediación co comité de empresa.

Fontes da multinacional deféndense asegurando que tal documentación “non era relevante para o proceso do ERE”, pero non desminten a información facilitada pola Xunta.

O GOBERNO PROMETEU A “POSIBLE INTRODUCIÓN” DUN MECANISMO PARA ABARATAR A ELECTRICIDADE

A continuación, a autoridade laboral refírese a que a empresa mostrouse “conforme a analizar a posible alternativa dun proceso de venda, pero en ningún momento efectuou acción algunha de procura de potenciais compradores da factoría”.

Entón, agrega, o Goberno central ofreceulle a “posible introducióndun mecanismo de mellora do prezo eléctrico da industria electrointensiva a partir do 1 de xaneiro de 2021, “sen que a empresa valore esta posibilidade”, polo que “segue adiante na súa intención de extinción dos contratos”. Cabe lembrar que o “marco enerxético” foi citado entre as “condicións estruturais” alegadas por Alcoa para clausurar a electrólise.

Consultadas sobre este punto, fontes da multinacional aseguran que a proposta “non variaba dun estatuto electrointensivo que é insuficiente” para “dar viabilidade” á planta. Preguntadas sobre, á marxe do prezo da luz, que investimentos executou Alcoa nos últimos anos para aliviar o custo enerxético, as mesmas fontes alegan que San Cibrao “é moi eficiente no consumo enerxético e está nun nivel óptimo”, limítanse a falar da tarifa eléctrica.

RENUNCIOU Á REPARACIÓN DAS CUBAS EN PRIMAVERA, O QUE “PUXO EN PERIGO UNHA POSIBLE VENDA”

Para rematar, Traballo reproba a Alcoa que iniciou o proceso de “eventual hibernación” debido a que procedeu á paralización dalgunhas cubas, o que ademais de supoñer Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Ertes) en empresas como Reymogasa ou Cyrgasa “puxo en perigo a súa posible venda”, ademais de marcar unhas condicións mercantís “inasumibles para un posible comprador como foi Liberty”.

“INSENSIBLE” Á POSICIÓN “ESTRATÉXICA” DA PLANTA

Na fase final da negociación, segundo prosegue o relato da autoridade laboral, unha vez que admitiu que “só” contemplaba a venda ao Estado español antes do 27 de setembro, e unha vez que o Goberno central articulou os mecanismos para avanzar nesas negociacións, “de xeito unilateral rexeita unha nova proposta da SEPI, renuncia a especificar os seus puntos de desacordo e abandona unilateralmente as negociacións, non valorando a posibilidade de prorrogar o período de consultas.

Por iso é polo que, por todos estes comportamentos, e como consecuencia, a autoridade laboral subliña que se podería chegar a afirmar que durante o proceso negociador Alcoa Inespal foi “absolutamente insensible” á “posición estratéxica que unha empresa destas características ten nunha zona como A Mariña”.

Alude, así, á “importancia fundamental que o mantemento destes postos de traballo ten para o sostemento económico da comarca”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...