InicioEconomía"Alcoa pisotea os obreiros e a soberanía popular; a única discusión debe...

“Alcoa pisotea os obreiros e a soberanía popular; a única discusión debe ser como seguir producindo”

O persoal, que recibiu ao deputado de Podemos Rafa Mayoral, esixe a intervención e lembra que "antepuxemos unha saída industrial á Covid-19 para A Mariña ao noso interese individual"

Publicada o

- Advertisement -

Os traballadores de Alcoa continúan en folga indefinida e mobilizados ante o complexo industrial de San Cibrao despois de que a multinacional comunicase un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporá o despedimento de 524 obreiros da fábrica de aluminio e a perda doutros alomenos 400 empregos na industria auxiliar. O persoal segue concentrado na entrada principal e no acceso en Lago, e este sábado recibiu o apoio do deputado de Unidas Podemos no Congreso Rafa Mayoral.

OS OBREIROS VERÍAN “VERGOÑENTO” QUE O PULSO DA MULTINACIONAL AOS GOBERNOS “ACABE EN VÍA XUDICIAL”

En declaracións aos medios de comunicación, o presidente do comité, José Antonio Zan, resaltou que nun contexto de paro para evitar que se comercialice o aluminio “o exercicio de responsabilidade dos traballadores” para permitir a saída de hidrato e, deste xeito, “o funcionamento de servizos esenciais coma o farmacéutico, é incrible. Agora esperamos que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno de España acometan a intervención e non deixen que isto chegue aos tribunais. Sería unha vergoña que se tivese que solucionar un problema entre unha multinacional e as Administracións por vía xudicial”, aseverou o sindicalista.

Os representantes do persoal urxen ás Administracións a “deixarse de palabras e poñerse aos feitos. Non pode ser que sexan os traballadores deste país quenes están a defender a industria, mentres (Xunta e Goberno) miran para o teito e unha compañía pásanos por riba”.

Os sindicatos destacan que coa negativa a asinar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte), con condicións menos lesivas para o persoal aínda que aceptando a parada das cubas de electrólise, o que suporía a “morte” do complexo industrial, “deixamos un principio moi claro; antepuxemos o benestar común ao individual, buscando que esta comarca da Mariña teña unha saída á crise do Covid-19 por vía industria, que é o noso motor económico. Agora tócalle ás Administracións”, remarcou.

“A PREGUNTA É SE QUEREMOS FABRICAR ALUMINIO OU QUE VEÑA DE ARABIA SAUDÍ”

“Hai unha investidora (en referencia á siderúrxica británica Liberty House, de quen Alcoa rexeitou unha oferta de compra) que quere investir 1.000 millóns; non podemos perder ese investimento polo capricho dunha multinacional. Queremos fabricar aluminio primario ou traelo de Arabia Saudí? Pois interveñamos a empresa, cun acordo de venda a través da SEPI ou de forma forte”. Finalizou a súa intervención apuntando ao Executivo estatal, en concreto á socialista Teresa Ribera: “para que queremos unha Ministra de Transición Ecolóxica? Para que unha multinacional a dobregue?”, preguntou.

MAYORAL: “NON PODEMOS SER OS TONTOS DE EUROPA”

Pola súa banda, Mayoral afirmou que “non se aceptaría en ningún país de Europa que unha multinacional lle impoña a un Goberno o que vai ocorrer cun sector estratéxico como é o aluminio. Non podemos ser os tontos do continente. Hai que dicirlle ao Goberno que neste país hai unha democracia. Alcoa está a pisotear os dereitos dos traballadores e a soberanía popular. Iso significa que estes obreiros están defendendo os intereses de todos”, xulgou.

“Hai que tomar as decisións contundentes agora, que é cando toca. Ten que ser canto antes, toca estar á altura. Hai que mandar unha mensaxe ás multinacionais de que aquí pódese investir, pero hai que respectar o noso pobo e aos nosos traballadores. A única discusión aquí debe ser como se vai seguir producindo”, zanxou.

RUEDA ELUDE FALAR DE INTERVENCIÓN CANDO A XUNTA SE COMPROMETEU A SOLICITALA

Por outra banda, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, insistiu este sábado en que o comité “impugne” o ERE e pida “medidas cautelares para que non paren as cubas”, dado que o despedimento colectivo é “tramposo” e busca que a multinacional “non teña competidores en España”.

Con todo, preguntado pola intervención pública da planta que demandan o comité, os sindicatos e varias formacións políticas, e que Feijóo se comprometeu a pedir, eludiu falar desta posibilidade. “Hai que seguir dando paso. En primeiro lugar, impugar inmediatamente un ERE co que non estamos en absoluto de acordo”, argumentou. Le a información completa sobre este punto no Galicia Confidencial.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...