InicioEconomíaA sentenza: "o fin único e primordial de Alcoa era apagar as...

A sentenza: “o fin único e primordial de Alcoa era apagar as cubas e pechar do xeito máis rendible posible”

O TSXG considera que tralo despedimento colectivo hai "unha decisión estratéxica" e que coa oferta de ERTE a multinacional pretendía "vestir o mesmo de xeito diferente"

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/axencias. A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou nulo o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de Alcoa ao apreciar “mala fe” nas negociacións por parte da empresa, cuxo “fin único e primordial” era “apagar as cubas e pechar a fábrica do xeito máis rendible posible“.

Deste xeito, tomba o despedimento colectivo para 524 traballadores da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo. Un ERE que, segundo estiman os sindicatos, afectaría a outros alomenos 400 empregados da industria auxiliar, o conglomerado de contratistas que prestan servizos diariamente no complexo industrial.

O TSXG condena á empresa a reincorporar aos empregados afectados ao seu posto de traballo e a pagarlles os salarios deixados de percibir desde a data do despedimento ata a súa efectiva readmisión. En calquera caso, a empresa aínda non enviara as cartas de despedimento, á espera do que ocorrese nos tribunais.

O alto tribunal acolle así a demanda dos sindicatos CC.OO., CIG e UGT fronte ao despedimento colectivo presentado pola multinacional do aluminio.

APAGAR A MAQUINARIA, “O IMPERATIVO CATEGÓRICO”

A sala aprecia “mala fe” nas negociacións por parte da empresa, ao asegurar que a súa posición sobre os despedimentos e as súas compensacións “non variou nada” desde a súa proposta inicial.

Conclúen os maxistrados que a intención da compañía é “paralizar as cubas electrolíticas da fábrica para o seu posterior peche” e entenden que coa oferta do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que realizou ao comité pretendía “vestir o mesmo, pero dun xeito diferente“.

Así, destacan que ese ERE “non privaría á empresa da posibilidade de extinguir os contratos de traballo unha vez terminada a súa vixencia”.

“A empresa pretende, a consecuencia dunha decisión comercial estratéxica, paralizar
as cubas electrolíticas da fábrica para o seu posterior peche, e ese é o imperativo categórico que nunca cambia sexa cal sexa o escenario de consultas coa representación legal do persoal, ou do proceso de venda da fábrica a outra empresa, e sexa cal sexa a proposta”, argumentan.

CONSIDERA “SIGNIFICATIVO” QUE O NÚMERO DE OBREIROS NON DESPEDIDOS LLE PERMITIRA NON DEVOLVER AXUDAS

Os xuíces consideran “sumamente significativo” o número de traballadores afectados polos despedimentos, posto que a súa porcentaxe “aproxímase, sen superalo, a aquel que, segundo as normas regulatorias, permítelle á empresa consolidar as axudas recibidas das Administracións públicas sen ter que devolvelas e, á vez, sen impedirlle a peche das cubas“.

No xuízo, o letrado en representación do Goberno aseverou que a estratexia de Alcoa pasaba por un “peche parcial cunha finalidade moi específica” de que “non sexan despedidos máis do 85%” dos traballadores.

Nese escenario, alertou o avogado do Estado, cóntase co 15% da produción necesario para manter a subvencións de CO2, pois se non se alcanza ese límite esas axudas “deberán ser reintegradas e as futuras non se poderán obter”.

No fallo, os maxistrados insisten en que os traballadores que seguisen en persoal poderían ser despedidos unha vez superados os prazos de garantía das axudas.

Todo iso permite á sala deducir, segundo explica a sentenza, que “o fin único e primordial que guiaba á empresa era apagar as cubas e pechar a fábrica do xeito máis rendible posible”.

Tamén asegura que “todas as supostas concesións” realizadas por Alcoa durante a negociación producíronse “coa finalidade de evitar a cualificación de nulidade do despedimento colectivo, única que lle impediría levar a cabo a decisión estratéxica de paralización das cubas e o peche da fábrica”.

“SOSPEITA DUNHA DECISIÓN ESTRATÉXICA”

Indica que a Xunta advertiu ata en dez ocasións sobre a necesidade de prolongar o período de consultas, algo que a compañía realizou “sempre no último momento e con resistencias, esgrimindo o elevado custo de manter as cubas electrolíticas en funcionamento”.

O ofrecemento do ERTE produciuse, segundo os maxistrados, tras un aviso da Xunta, como autoridade laboral competente, e “nun momento moi avanzado da negociación”.

E conclúen que se prolongou “non coa finalidade de discutir sobre o despedimento colectivo, senón para deixar tempo para negociar a venda cun terceiro”.

“A pobreza das negociacións é tal que se limitou prácticamente a dúas cuestións: sobre as posibilidades reais de venda da planta de aluminio a un terceiro e os efectos da parada e rearranque das cubas de electrólise“, subliña a sala.

SINALA QUE “NON ESTÁ CLARA” A POSIBILIDADE DE REARRINCAR AS CUBAS SE PARAN

Deste xeito, Alcoa tentou argumentar que a parada non invalidaría “en ningún caso” o rearranque das cubas, “pero esta cuestión nin estaba clara no momento da negociación, nin o está agora no momento xudicial, xa que as periciais practicadas sitúannos ante un proceso  longo e custoso, cuestión sobre a cal esta Sala xa tivo ocasión de pronunciarse no auto de medidas cautelares“.

Neste sentido, remarca o fallo que “as inspectoras de traballo actuantes, en conclusión que esta Sala valora como correcta, chegan a afirmar que sería a parada de cubas consustancial ao ERTE o que convertería a crise en estrutural se realmente o rearranque das cubas non fose posible”.

No que atinxe ás supostas causas “estruturais” alegadas por Alcoa, “os informes periciais da empresa non permiten gravitar toda a situación da planta sobre elementos estruturais, o cal, en verdade son cuestións máis propias da valoración da xustificación / inxustificación que da nulidade / validez, e que abren unha serie de dúbidas que a multinacional en todo momento negouse a tomar en consideración”.

Os xuíces tamén afirman que os diálogos de Alcoa con Liberty House para vender a planta “permiten sospeitar da existencia dunha decisión estratéxica”, ao soster que a multinacional entrou na negociación “con posicións predeterminadas e un claro obstáculo para non chegar a un acordo final”.

Contra a sentenza cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo. A multinacional dixo que “estudará” o fallo para “tomar os pasos seguintes”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...