O recurso de Alcoa ante o Tribunal Supremo contra a anulación do despedimento colectivo que pretendía aplicar na planta de Cervo tardará meses en resolverse, segundo indica o comité de empresa, en referencia ao sinalado este luns na mesa multilateral polo secretario xeral de Industria, Raül Blanco.
No encontro, o primeiro tras a sentenza que declarou nulo o expediente de regulación de emprego, Blanco apuntou a unha media de 14 meses de resolución do Supremo ante este tipo de procedementos, segundo apuntan os representantes dos traballadores. Por iso é polo que se solicita á multinacional “o desbloqueo” da situación.
Pola súa banda, en representación da dirección de Alcoa, Álvaro Dorado, afirmou non compartir a resolución xudicial e mantivo a necesidade de parar as cubas e realizar un “axuste” na fábrica da Mariña, na práctica o peche da electrólise, de acordo coa nota emitida este martes polo comité de empresa.
OS SINDICATOS REITERAN A OFERTA DE LEVANTAR A FOLGA
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, volveu a reiterar a oferta de deixar a folga iniciada a principios do mes de outubro se a firma accede a “sentar a negociar unha saída” á factoría de San Cibrao.
Zan lembrou que a única proposta lanzouna o comité de empresa nunha mesa co Goberno central e a Xunta de Galicia, administracións que sostén o sindicalista de Comisións Obreiras “están a facer moito” para que a multinacional “sente a negociar“.
“O que fai falta é que Alcoa recapacite e se sete a negociar. Nós temos unha folga que lle está facendo moito dano á empresa e estamos dispostos a suspendela e con iso propiciar a negociación. Temos claro que se Alcoa quere unha saída digna a todo isto o primeiro que ten que facer é sentar e buscar unha saída”, incidiu.
Da folga e futuras mobilizacións, Zan deixou claro que o comité de empresa seguirá “defendendo o cento por cento dos postos de traballo e o cento por cento da produción” de aluminio na planta da Mariña de Lugo.
Recalca que é preciso “sentar e falar ao redor dunha mesa e non seguir obstaculizando unha saída pactada porque ata agora non conseguiron ningún resultado beneficioso para Alcoa con este posicionamento unilateral e tampouco o van conseguir a partir de agora porque teñen moitos meses ata que o Supremo resolva”.
CC OO: “ALCOA QUERE LOGRAR A MORTE DAS PLANTAS POR INACCIÓN”
Pola súa banda, a sección de industria de CC.OO. emitiu outro comunicado a través do cal advirte ás administracións de que “a postura de Alcoa de absoluta pasividade na súa intervención na mesa multilateral pode esconder unha estratexia de lograr a morte das plantas por inacción“, polo que reclama “máis contundencia“.