O comité pide a intervención se Alcoa elude negociar e mantén o pulso legal, que podería durar “14 meses”

Os traballadores reclaman á multinacional "o desbloqueo" do conflito laboral ante os longos prazos da Xustiza, con agardas de máis dun ano de promedio neste tipo de casos

José Antonio Zan, na celebración dos traballadores tras coñecer a sentenza do TSXG que lles dá a razón. CARLOS CASTRO/EP/GC

O recurso de Alcoa ante o Tribunal Supremo contra a anulación do despedimento colectivo que pretendía aplicar na planta de Cervo tardará meses en resolverse, segundo indica o comité de empresa, en referencia ao sinalado este luns na mesa multilateral polo secretario xeral de Industria, Raül Blanco.

No encontro, o primeiro tras a sentenza que declarou nulo o expediente de regulación de emprego, Blanco apuntou a unha media de 14 meses de resolución do Supremo ante este tipo de procedementos, segundo apuntan os representantes dos traballadores. Por iso é polo que se solicita á multinacional “o desbloqueo” da situación.

Pola súa banda, en representación da dirección de Alcoa, Álvaro Dorado, afirmou non compartir a resolución xudicial e mantivo a necesidade de parar as cubas e realizar un “axuste” na fábrica da Mariña, na práctica o peche da electrólise, de acordo coa nota emitida este martes polo comité de empresa.

OS SINDICATOS REITERAN A OFERTA DE LEVANTAR A FOLGA

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, volveu a reiterar a oferta de deixar a folga iniciada a principios do mes de outubro se a firma accede a “sentar a negociar unha saída” á factoría de San Cibrao.

Zan lembrou que a única proposta lanzouna o comité de empresa nunha mesa co Goberno central e a Xunta de Galicia, administracións que sostén o sindicalista de Comisións Obreiras “están a facer moito” para que a multinacional “sente a negociar“.

“O que fai falta é que Alcoa recapacite e se sete a negociar. Nós temos unha folga que lle está facendo moito dano á empresa e estamos dispostos a suspendela e con iso propiciar a negociación. Temos claro que se Alcoa quere unha saída digna a todo isto o primeiro que ten que facer é sentar e buscar unha saída”, incidiu.

Da folga e futuras mobilizacións, Zan deixou claro que o comité de empresa seguirá “defendendo o cento por cento dos postos de traballo e o cento por cento da produción” de aluminio na planta da Mariña de Lugo.

Recalca que é preciso “sentar e falar ao redor dunha mesa e non seguir obstaculizando unha saída pactada porque ata agora non conseguiron ningún resultado beneficioso para Alcoa con este posicionamento unilateral e tampouco o van conseguir a partir de agora porque teñen moitos meses ata que o Supremo resolva”.

CC OO: “ALCOA QUERE LOGRAR A MORTE DAS PLANTAS POR INACCIÓN”

Pola súa banda, a sección de industria de CC.OO. emitiu outro comunicado a través do cal advirte ás administracións de que “a postura de Alcoa de absoluta pasividade na súa intervención na mesa multilateral pode esconder unha estratexia de lograr a morte das plantas por inacción“, polo que reclama “máis contundencia“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here