San Cibrao irá á folga contra o peche das plantas de Alcoa, que leva 400 MW da poxa

O paro, de 6.00 a 22.00 horas, coincidirá cos convocados polas plantas de Avilés e A Coruña

O comité de empresa de Alcoa le un manifesto na Praza do Concello de Burela. AXM

Os traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao decidiron de forma unánime nunha asemblea celebrada este xoves que irán á folga o vindeiro mércores 19 de decembro.

O paro, ao que están chamados arredor de 1.200 traballadores, coincidirá cos convocados polos obreiros das fábricas da multinacional na Coruña e Avilés, que negocian un ERE de extinción presentado pola firma.

A folga será de 6.00 a 22.00 horas, de forma que abarcará as quendas de mañá, tarde e o ordinario. Os traballadores continuarán este venres a negociar os servizos mínimos do paro.

Os traballadores reivindicarán co paro a consecución dunha tarifa eléctrica que “dea viabilidade á industria electrointensiva“, que se desenvolva o decreto lei que vén de aprobar o Goberno central e que a empresa retire o ERE extintivo que pesa sobre as fábricas da Grela e Asturias.

“Por un lado, queremos que o Goberno actúe e que o decreto-lei aprobado sexa máis que unha declaración de intencións. Se non o fai, San Cibrao tamén terá axiña sobre dela a espada de Damócles“, indica Xosé Paleo, o presidente do comité de empresa sancibrense.

Por outra banda, os obreiros son conscientes de que Avilés e A Coruña “non teñen tempo“, polo que instan a Alcoa a que “levante o ERE e dialogue“, indica Paleo.

CONCENTRACIÓN EN VEGADEO

O mesmo día 19, os obreiros de Avilés e A Coruña farán marchas -desde Castropol e Ribadeo, respectivamente- cara Vegadeo, onde se unirán para clamar contra o peche das fábricas, que suporía o despedimento duns 700 traballadores.

os obreiros da planta cervense participarán nas protestas cos seus compañeiros da coruña e avilés

Os traballadores da planta cervense confirmaron que asistirán á protesta, aínda que polo de agora barallan se esperar aos seus compañeiros na Veiga ou se acompañalos desde Ribadeo.

SUBASTA

Respecto á poxa de electricidade celebrada ao longo desta semana, a multinacional do aluminio obtivo 10 dos 21 bloques de 40 MW subastados, a un prezo medio de 105.429 euros/MW ano.

O xornal Cinco Días adiantou esta información, que fontes da compañía confirman. Así, a empresa acadou un total de 21 millóns de euros para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño.

A maioría deses bloques (seis) será asignada á fábrica de San Cibrao, mentres que Avilés e A Coruña quedarán cos outros catro, a partes iguais.

a empresa fíxose con 10 bloques de 40 mw na poxa de potencia interrumpible e fai un balance negativo da subasta

Fontes da empresa sinalan que “a subasta proporcionou un valor moi inferior ao de anos pasados e Alcoa terá que avaliar o impacto desta redución, que previsiblemente danará a competitividade das plantas polos custos da electricidade”.

Respecto do paquete de medidas aprobadas polo Goberno, entre elas a da creación dun estatuto do consumidor electrointensivo, a firma “está a analizar a nova normativa” e cre que o seu éxito “dependerá do seu desenvolvemento, polo que é cedo para sacar conclusións”.

Os traballadores de San Cibrao pedirán explicacións sobre os resultados da poxa, que remata este venres, ao director da planta e presidente da multinacional en España, Rubén Bartolomé.

Con todo, saben da dificultade de pechar un encontro ao sucederse en Madrid, cada martes e xoves, as negociacións do ERE extintivo.

“VALOR INFERIOR NO 40% AO DO 2017”

Polo de agora, Paleo asegura que a poxa foi “un desastre” e que Alcoa só foi capaz de acadar un valor “un 40% inferior” ao da subasta do pasado ano, que xa fora considerada negativa en comparación cos resultados de 2016.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here