IniciosociedadeA Xunta di que o auto inclúe as altas, pero os 224...

A Xunta di que o auto inclúe as altas, pero os 224 casos tampouco cadran co total comunicado á prensa, 190

O Sergas alega que os contaxios a 9 de xullo remitidos ao xulgado recollían os pacientes curados; segundo o mesmo criterio, facía públicos daquela 34 positivos menos

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia emitiu este xoves un comunicado de prensa no que alega que as cifras sobre o brote da Mariña que figuran no informe da Consellería de Sanidade citado polo auto xudicial que ratificou as medidas de peche da comarca fan referencia “aos casos acumulados” no foco da bisbarra, é dicir, que non só recollen os pacientes “activos” -aquelas persoas que permanecen infectadas e poden ser vehículo de transmisión do virus-, senón que tamén inclúen aos doentes que recibiron a “alta epidemiolóxica“, aquela que se dá cando o afectado cumpriu unha serie de días de corentena, independentemente de que conte ou non con PCR negativa.

Argumenta o Sergas, polo tanto, que non se pode “falar de diverxencia” entre os datos de casos activos comunicados á opinión pública e os de casos acumulados facilitados á maxistrada. En cambio, os 224 positivos transmitidos con data 9 de xullo ao Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo tampouco coinciden co número de casos acumulados que se desprende da información facilitada día a día aos medios de comunicación, que é significativamente menor: 190 ese mesmo día, 209 o 10 de xullo.

“INFORMAMOS DE XEITO REAL E TRANSPARENTE”, SOSTÉN SANIDADE

Ante as “dúbidas xeradas” pola cifra que recolle o auto xudicial, Sergas asegura no seu comunicado que a información que transmite sobre o brote no distrito sanitario da Mariña “é real e transparente“. Deste xeito, a Consellería de Sanidade manifesta que facilita datos a diario dos “casos activos dentro do brote”, aqueles que “non cumpren criterios epidemiolóxicos para seren dados de alta de acordo cos principios establecidos”.

DISTINTO CRITERIO PARA INFORMAR AO XULGADO OU Á OPINIÓN PUBLICA

Pola contra, esgrime o Sergas, “no informe que se remite ao xulgado, recóllese o número total de casos con PCR positiva acumulados ata unha data determinada, independentemente de que sexan activos ou estean en situación de infección resolta”. Deste xeito, e para xustificar o feito de utilizar un criterio diferente á hora de informar á maxistrada do que usa para comunicar a información á opinión pública, indica a Consellería de Sanidade que “a información de casos totais (activos e curados) emprégase para determinar as distintas taxas de incidencia e prevalencia“, aqueles a partir dos que “definir as medidas a adoptar” para cortar a cadea de contaxios. En cambio, “para o control do brote e para o seguimento do mesmo o importante son os casos activos, os que poden provocar novos contaxios”, salienta.

Argumenta deste xeito o Sergas o feito de non facilitar diariamente á opinión pública a cifra de casos totais do brote, que si considera relevante para xustificar perante a Xustiza medidas estritas de control ao movemento das persoas, como o illamento de Burela -coa prohibición de entrada e saída ao municipio agás con motivo xustificado- e as restriccións á mobilidade noutros seis municipios –Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo-. Esta media ducia de concellos quedou a pasada medianoite libre para a entrada de turistas e a saída de residentes ao exterior.

INFORMACIÓN OFRECIDA DE XEITO CRÍPTICO

Sexa como fose, os datos de casos totais a día 9 de xullo que o Sergas comunicou ao xulgado e os que se desprenden da información ofrecida aos medios de comunicación tampouco coinciden. Calquera cidadán pode ter acceso a eses datos, sumando o número de positivos activos ao de altas comunicados nas sucesivas notas de prensa facilitadas. Medios especializados como GCiencia ou o físico berciano Saúl Ares, do departamento de Bioloxía de Sistemas do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC, así como Praza Pública, están a levar a conta a man día a día.

Así, o 6 de xullo, cando se iniciaba o peche da Mariña, o Sergas falaba de 128 casos totais, con 119 activos e nove altas; o 7 de xullo, de 131 casos acumulados, 121 activos e dez altas; o 8 de xullo non comunicaba novas altas, con 144 casos activos -do que derivaba un total de 154-.

34 CASOS DE DIFERENCIA

O 9 de xullo, o Sergas falaba “doutros 21 positivos activos”, o que deixaba a cifra en 165; con todo, cuantificaba tamén as altas “en 25”. Isto quere dicir que a Consellería de Sanidade coñecera 36 casos novos, dato que non ofrecía de xeito directo, que quedaban rebaixados polas 15 novas altas. A suma, en todo caso, é de 190 positivos acumulados, 34 menos dos 224 reportados con esa mesma data á Xustiza.

Podería tratarse dun desfase temporal no tratamento da información se eses 224 casos totais que recolle o informe remitido ao xulgado fosen comunicados á opinión pública ao día seguinte. Con todo, o 10 de xullo, cando establecía manter o illamento de Burela, o Sergas informaba de 182 casos activos, con 27 altas, para un total de 209 positivos acumulados; 15 menos dos comunicados á maxistrada.

Seguindo coa serie, Sanidade publicou o 11 de xullo un cómputo de 186 casos activos, sen comunicar altas, o que deixaría o total en 213; o 12 de xullo, día das eleccións autonómicas, reportaba cinco novas altas, para un total de 32 persoas curadas, e 185 casos activos, cun acúmulo de 217. O pasado día 13 comunicaba dúas novas altas (para 34) e 184 positivos activos, do que derivaba un total de 218. O 14 de xullo comunicaba 21 curacións e ningún positivo novo, o que mantiña o total en 218; 163 pacientes activos e 55 curados.

UNHA SEMANA DESPOIS, A CIFRA DE POSITIVOS ACUMULADOS SEGUE SEN CADRAR COA REMITIDA AO XULGADO

Onte, 15 de xullo, o Sergas reportaba un novo positivo detectado, pero 13 novas altas, polo que o número de casos activos descendía a 151 e o de curados ascendía a 68; os casos acumulados sumaban 219, cinco menos dos comunicados á maxistrada o día 9 de xullo. Hoxe, 16 de xullo, unha semana despois, os positivos totais seguen por debaixo dos 224 do informe citado no auto. O Sergas advertiu de tres casos novos e 14 novas altas; é dicir, o número de persoas infectadas baixa a 140 e o de doentes curados sobe a 82, para un total de 222.

Cabe lembrar que sanitarios da Mariña criticaron á Xunta ao longo das últimas semanas por “confundir” á opinión pública cos datos do brote, a fin de “xustificar as eleccións autonómicas”, unha acusación á que o Sergas respondeu suxerindo que eran os propios profesionais quenes tiñan “intereses electorais”.

AS CIFRAS DE PCR REALIZADAS TAMPOUCO COINCIDEN

Ao respecto das PCR realizadas, o Sergas concreta que o auto cita a cifra –2.244– daquelas que se efectuaron, ata o 9 de xullo, para comprobar os contaxios entre a poboación relacionada co brote. Segundo o propio reconto de Sanidade, a 15 de xullo realizaranse 2.407 probas no marco do foco da Mariña, o que suporía que -tendo en conta o dato recollido na sentenza- entre o día 9 e o 15 só se efectuaran 163 PCR.

As cifras comunicadas á opinión pública tampouco cadran neste caso, porque, segundo os datos ofrecidos polo Sergas aos medios de comunicación, 144 PCR foron realizadas o día 10 e outras 135 efectuadas o día 11; 279 en dous días, nese mesmo intervalo.

A Xunta cuantifica en 1.340 PCR as efectuadas dentro do cribado das residencias, co que o total de probas realizado alcanza as 3.747.

TRANSMISIÓN “OCULTA”

Na nota enviada aos medios de comunicación, a Xunta non se pronuncia sobre a posibilidade de que exista “transmisión oculta” ou comunitaria do coronavirus na Mariña, unha opción que admitiu na orde coa que mantén as restriccións á mobilidade en Burela; na normativa admitía que non pode “relacionar” todos os positivos documentados.

Unha transmisión comunitaria que o xerente da área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares, descartaba o 30 de xuño, cando se aprazou a apertura de pubs e discotecas, ao alegar que o Sergas podía relacionar todos os casos; e que negaba tamén o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o 5 de xullo, cando se decretou o peche da comarca.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...