A Consejería de Medio Ambiente denegou a Declaración de Impacto Ambiental para a canteira de pizarra proxectada en Naraído, no concello de San Tirso de Abres.
A resolución, publicada este mércores no Boletín Oficial do Principado de Asturias (BOPA), sinala que a maior parte dos terreos afectados polo proxecto da Explotaciones del Eo S.L. están nunha zona na que está prohibida a explotación mineira xa que se trata de solo de Especial Protección de Paisajes Naturales no Planeamento Municipal.
Con este mesmo argumento, a Comisión de Urbanismo y Ordenación del Territorio de Asturias (CUOTA) informara desfavorablemente o proxecto o pasado mes de novembro.
FALTAN MEDIDAS DE PROTECCIÓN
Na análise técnica do proxecto arguméntase que o promotor non aclara as medidas de protección para a aldea de Naraído nin para as fontes das que se abastecen este e outros núcleos próximos. Engádese que tampouco se prevén actuacións concretas en caso de verse afectada a subministración de auga. Ademais, apunta que non se achega ningún plan de restauracion da área afectada.
O informe de Medio Ambiente xunta as avaliacións realizadas pola Confederación Hidrográfica do Norte, que pon obxeccións ao funcionamento da balsa de decantación, e polo Servicio de Espacios Públicos Protegidos y Conservación de la Naturaleza, que apunta que o proxecto presentado pola empresa non ten a calidade suficiente para determinar o seu impacto sobre a flora, a fauna e a paisaxe da zona, pertencente a Reserva da Biosfera río Eo, Oscos e Terras de Burón.
ALEGACIÓNS
O pronunciamento recolle así parte das alegacións presentadas pola veciñanza e pola Coordinadora Ecoloxista d’Asturies, que insistiron na cercanía da explotación ás casas, situadas a menos de 200 metros do perímetro, e na afectación das augas.
O colectivo ecoloxista agarda que “esta negativa paralice a canteira definitivamente e non busquen outras artimañas para intentar legalizala”.
A mesma resolución engade que unha rebaixa dos niveis de protección na normativa municipal, “suficientemente acreditada”, abriría a porta á viabilidade da pizarreira que, en todo caso, debería subsanar as deficiencias sinaladas.