Abren ao baño as praias dos Bloques e O Cargadeiro, na ría de Ribadeo

O Concello de Ribadeo anunciou que as analíticas da Consellería de Sanidade indican que as augas son aptas para bañarse

Praia dos Bloques. TURISMO DE GALICIA

O Concello de Ribadeo comunicou este venres a apertura ao baño dos areais dos Bloques e O Cargadeiro, nos que recomendaba non bañarse tras a vertedura de xurro dunha gandeiría de Guiar que afectou ao Eo.

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, explicou que “as augas da ría son aptas para o baño” tras coñecer o resultado das analíticas realizadas pola Consellería de Sanidade nos dous areais.

TODOS OS AREAIS RIBADENSES, CO VISTO E PRACE

Segundo expuxo a Xunta de Galicia, o Goberno galego encargou “para máis seguridade e tranquilidade” mostraxes no resto dos areais do municipio, e os resultados avalan a calidade da auga na totalidade das praias, que son na súa integridade aptas para o baño.

SEN MORTALDADE DE FORA E FAUNA

Nos espazos galegos non se apreciou tampouco mortaldade de flora e fauna, nin afección á produción marisqueira.

Este xoves, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico facía públicos os primeiros resultados das mostras tomadas nos ríos Ouria e Eo, segundo as cales a contaminación producida pola vertedura diminúe río abaixo e na ría de Abres a auga cumpre cos valores de referencia.

Pola súa banda, o Principado de Asturias reabría a zona de produción da ría de Ribadeo para todas as especies despois de decretar un peche cautelar.

SEGUE A INVESTIGACIÓN DO SEPRONA

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona), que cuantificou en 580.000 os litros saídos da balsa, segue a investigar as circunstancias en que se produciu a vertedura para determinar se o sucedido constitúe un delito contra o medio ambiente ou se salda cunha sanción administrativa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here