Augas de Galicia anunciou este martes a través dun comunicado que ofrece ao Concello de Barreiros cofinanciar as obras da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Miguel de Reinante “na mesma porcentaxe que a Deputación de Lugo”, segundo expuxo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
Segundo o comunicado, a conselleira propúxolle ao executivo municipal unha xuntanza coa representación das tres administracións “con vontade real de participación técnica e financeira” como “solución” aos problemas de depuración do municipio.
Vázquez remarcou “a vontade de colaboración” da Xunta de Galicia para abordar o saneamento de augas residuais deste municipio, e de “traballar coa responsabilidade do Concello nas infraestruturas de saneamento e depuración”, pero lembrou que estas últimas “son competencias municipais outorgadas pola Lei de Bases de Réxime Local“.
Nunha carta remitida á rexedora, a conselleira trasládalle “o cumprimento” do compromiso de Augas de Galicia de realizar o proxecto de saneamento na parroquia de San Miguel de Reinante, enviándolle na mesma o documento técnico completo desta actuación, que proxecta a reunión do vertido de ambas depuradoras nunha única de nova construción, e para o que se prevé un investimento de máis de 3,2 millóns de euros.
No que respecta ás formulas de financiamento desta actuación, “tendo en conta a obriga legal da Deputación de Lugo no auxilio aos concellos de menos de 20.000 habitantes nas súas propias competencias“, Vázquez considera que debe “coparticipar no financiamento das actuacións”, Xunta e Deputación “na mesma medida”, xunto co “compromiso necesario” da “achega económica axeitada” a realizar polo Concello, dado que é “competente directo”.
PETICIÓN TAMÉN AO GOBERNO CENTRAL
O Concello de Barreiros solicitara axuda á Xunta e tamén ao Goberno central ante a imposibilidade das arcas municipais de afrontar o mencionado orzamento.
A AUGA EN AREALONGA, A PROBA
Este pasado martes, o Concello mantiña a recomendación de non bañarse na praia de Arealonga, na que análises da calidade da auga ofreceron resultados cunha taxa de enterococo intestinal por riba da considerada como normal. O areal sofre verteduras constantemente ante o deficiente comportamento da EDAR.