InicioPolíticaOs socialistas afianzan en Trabada, Alfoz, Ourol e Lourenzá os feudos do...

Os socialistas afianzan en Trabada, Alfoz, Ourol e Lourenzá os feudos do PP conquistados no 2015

Especialmente significativos foron os triunfos nos municipios ourolés e alfocego, onde os socialistas colleitaron maiorías absolutas

Publicada o

- Advertisement -

O PSdeG-PSOE afianzou o seu liderado en tres feudos habituais do Partido Popular (PP) que conquistou en 2015, Lourenzá, Trabada, Alfoz, Ourol. Especialmente significativos foron os triunfos nos municipios ourolés e alfocego, onde os socialistas colleitaron maiorías absolutas.

En Ourol, o socialista José Luis Pajón obtivo un respaldo abrumador despois de catro anos de goberno, co 81,78% dos votos (633), que lle conceden oito edís cando partía con catro. O PP acada 138 sufraxios -por 299 de 2015- e cae de tres concelleiros a un.

José Luis Pajón. AXM

En Alfoz, o electorado deulle a maioría absoluta a Jorge Val, que nos últimos catro anos gobernou en coalición con Veciños Independentes por Alfoz (VIA). Val partía con tres actas e este domingo logrou cinco, con 652 votos (52,24%).

O Partido Popular reduce a súa representación á metade ao pasar de catro a dous edís, cunha sangría de 621 a 299 votos. A aposta do PP por Pepe Peinó non deu resultado. Os independentes, liderados por Xabier Pardiñas, terán dous edís na corporación. O BNG non ten representación, con 40 apoios.

En Trabada, o electorado renovou a confianza en Mayra García Bermúdez, que obtivo 666 votos (78,72%), 230 máis ca no 2015. Así, os socialistas pasaron de cinco a sete edís. Desplómase o Partido Popular (PP) de José María Fernández, que pasa de 400 a 172 votos e de catro concelleiros a dous.

Candidatura do PSdeG-PSOE de Trabada. AXM

En Lourenzá, Rocío López obtivo de novo a maioría absoluta para o partido socialista. A candidatura liderada pola alcaldesa sumou 676 votos (o 46,49% do total), por 398 da lista do Partido Popular, liderada por Francisco Javier Rodríguez Barrera. Os conservadores perden 228 votos e un edil, para obter tres actas.

Rocío López, alcaldesa de Lourenzá. PSOE

A listaxe do BNG, encabezada pola veterinaria Mani Vázquez Abal, gaña 152 sufraxios con respecto a 2015 para conseguir o segundo concelleiro. Non terá representación Compromiso por Galicia (CxG), que artellou unha candidatura arredor do ex edil de obras co PSOE Carlos Rivas.

XIRO DE ESQUERDA NO 2015

Alfoz só coñecía gobernos do Partido Popular antes de 2015. Antonio Gómez foi alcalde durante a dictadura desde 1969 e foino despois co partido conservador ata o 2007. Substituíno Emilio Lousas, que na anterior cita electoral perdeu a súa maioría absoluta e abriu as portas a un pacto de goberno entre socialistas e independentes que semella que se repetirá.

En Trabada, Mayra García Bermúdez puxo fin a 28 anos de goberno do PP. Celso Currás foi alcalde desde 1958 ata 1982, durante o franquismo e tamén despois, como independente; seguiuno Ramón Villapol e despois José Manuel Yanes Ginzo, desde 1991.

En Lourenzá, os socialistas racharon tamén en 2015 con décadas de goberno conservador. José María López Noceda gañou no 1979 como independente, para despois renovar mandato con Alianza Popular e o PP. Seguírono Fe Rodríguez Rocha (1989-1999), Vidal Martínez-Sierra (1999-2012) e Emma Álvarez Chao (2012-2015).

En Ourol, José Luis Pajón chegou á alcaldía tras dividir o voto dentro do seo popular a candidatura de Compromiso por Galicia (CxG) que impulsou o ex tenente de alcalde do PP, José Ramón Vázquez. A número 2 dos conservadores, Begoña Moreiras, frustrou un pacto entre CxG e Partido Popular e permitiu gobernar aos socialistas, que obtiveron un exiguo marxe de 26 sufraxios sobre a lista liderada por Marcial Sanjurjo.

Sanjurjo gobernou co PP desde 2007; antes fíxoo, durante vinte anos, Guillermo Salgueiro. Entre 1979 e 1987, Ourol tivo un goberno nacionalista liderado por Euloxio Rubert.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...