IniciosociedadeAlivio nas residencias de Burela e Mondoñedo polos resultados negativos de usuarios...

Alivio nas residencias de Burela e Mondoñedo polos resultados negativos de usuarios e empregados

No hospital San Pablo mindoniense tampouco se documentaron novos positivos

Publicada o

- Advertisement -

A xornada deste martes deixou alivio nas residencias da Mariña Lucense nas que había dúbidas sobre posibles contaxios, a de Burela –onde se documentara o positivo de dúas traballadoras– e o xeriátrico San Rafael de Mondoñedo –no que se confirmou un caso, o dun obreiro– posto que se comunicaron o resultado das probas realizadas a todos os usuarios e empregados de ambos centros, resultando os tests negativos.

Familias, UGT, Concello e BNG solicitaran axilizar os tests aos 62 traballadores restantes e 63 usuarios do centro de maiores burelao, ante o temor a que se espallase o virus. O sindicato alertara de que empregadas estaban a solicitar a baixa por precaución de experimentar síntomas similares aos do coronavirus. Finalmente, os resultados das análises realizadas ofreceron tranquilidade, segundo a mesma fonte.

Na residencia San Rafael, segundo confirmaron fontes de Mensajeros de La Paz – Edad Dorada, un total de 32 residentes e de 22 obreiros sometéronse aos tests, que resultaron negativos. No tocante ao traballador que deu positivo, que exercía como cociñeiro no xeriátrico mindoniense uns días da semana e outros en Castro de Rei, atópase coa alta médica e á espera dunha segunda proba para confirmar o negativo.

No Hospital San Pablo de Mondoñedo, que acolle a persoas con discapacidade, realizáronse tamén probas á totalidade dos empregados e usuarios, todas negativas. Neste servizo non se documentara ningún positivo.

ESTABILIDADE SEGUNDO O RECONTO OFICIAL

Segundo o reconto oficial ofrecido na mañá deste martes pola Xunta de Galicia, o número de positivos nos xeriátricos mariñaos mantense estable. Na residencia de Foz hai cinco maiores afectados e seis traballadores, logo de que se lle fixesen as probas a todos os usuarios e empregados.

No xeriátrico Betania (Viveiro), hai dous residentes positivos que foron desprazados a Porta do Camiño (Santiago) e outros dous -un que resultou negativo pero que permanece por agora hospitalizado- no Hospital Público da Mariña. Unha relixiosa está asintomática e en illamento, pendente da segunda proba do virus para rematar a corentena. Neste centro de maiores tamén se realizaran tests a todas as persoas implicadas.

Na vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, en Ribadeo, hai dous residentes positivos. Unha destas persoas recibiu a alta do hospital o pasado día 3.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...