O comité de Alcoa San Cibrao insistiu a través dun comunicado de prensa en que a multinacional estadounidense persiste na súa “mala fe” manifesta nas negociacións de compra-venda da planta de Aluminio, que mantén con Liberty House e que teñen como data límite para un acordo o vindeiro 27 de setembro.
O organismo de representación dos traballadores do complexo industrial de Cervo explica que Alcoa “rexeitou a proposta realizada o pasado xoves 17 polo Goberno central a fin de mediar” entre a titular das instalacións e a potencial compradora.
A propietaria acusa a Liberty House de frear as conversas con “demandas non razoables“, mentres que tanto o comité de empresa como os sindicatos –CC OO, CIG e UGT– coincidiron en apuntar á falta de vontade de Alcoa, a quen a Xunta de Galicia pediu tamén “ser consciente” de que “ten que achegar posicións” co investidor interesado.
Alcoa “negouse a que as Administracións -Xunta e Goberno central- realicen unha mediación que todas as partes implicadas estamos solicitando, demostrando unha mala fe manifesta que nada favorece o proceso de venda”, argumenta o comité.
Os sindicatos concretan que Alcoa rexeitou unha oferta formulada por GFG Alliance / Liberty House, “que mellora a anterior”, pero aínda así Alcoa segue “inamovible, mantendo a súa postura inicial, sobre todo no que respecta ao contrato de Alúmina“.
PIDEN ÁS ADMINISTRACIÓNS QUE INSISTAN EN MEDIAR NO CONFLITO LABORAL
O comité de empresa expón no comunicado que solicitará a ambas Administracións “que continúen insistindo na mediación do proceso de venda e no de despedimento colectivo“. De non concretarse un preacordo antes do 28 de setembro, este día Alcoa e os sindicatos deberan retomar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional.
MOBILIZACIÓNS
Os obreiros cortaron este martes a A-6 á altura de Outeiro de Rei, e o persoal da industria auxiliar de San Cibrao retomará este mércores unha folga indefinida, con piquetes na fábrica e corte de entrada e saída de material. O domingo haberá unha marcha en Xove, desde a estación de tren ata a Praza do Concello, de 11.00 a 12.00 horas.