InicioPolíticaO goberno do PP de Barreiros aprobou 470.000 euros en facturas días...

O goberno do PP de Barreiros aprobou 470.000 euros en facturas días antes de perder as eleccións

O BNG asegura que o executivo en funcións deixa o municipio "nunha situación límite" e insiste na necesidade dunha autoría que clarifique "a legalidade" dos recibos aprobados

Publicada o

- Advertisement -

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Barreiros denunciou este xoves que o goberno local do Partido Popular (PP) aprobou o 24 de maio, o último día de campaña antes das eleccións municipais que perdeu fronte á formación frontista, facturas por importe de case 470.000 euros.

A candidata e concelleira en funcións do BNG, Ana Ermida, asegurou nunha rolda de prensa que ese venres “aprobáronse varios decretos de facturas e celebrouse unha xunta de goberno local extraordinaria na que se aprobaron 469.987,17 euros de recibos”, unha cantidade que supón “máis dun 11,5% do orzamento anual deste Concello, catro millóns”.

135.000 EUROS, A UN MESMO GRUPO EMPRESARIAL

A candidata da formación frontista salienta que é “curioso” que, deses 470.000 euros aprobados en facturas, 135.600 “foron a parar a un mesmo grupo de empresas que vén a levar unha parte importante do orzamento municipal”.

Segundo expón Ermida, en varias das facturas aprobadas a última hora non figuran os conceptos dos servizos prestados. Así, dubida de que sexan legais e salienta que “é fundamental” a realización dunha auditoría “que clarifique os gastos e os traballos realizados, ademais da legalidade dos mesmos, e se eses pagos teñen que ser asumidos ou non”.

Os nacionalistas sosteñen que a aprobación destas facturas deixan Barreiros “nunha situación límite” e argumentan que “calquera pode ver a irresponsabilidade que existe no goberno local en funcións”, que a xuízo do Bloque exerceu “coa intención clara de deixar un Concello na ingobernabilidade”.

“O CONCELLO ESTÁ INTERVIDO”

Os nacionalistas remarcan que “temos coñecemento de que a Consellería de Facenda ten tuteladas as contas do Concello por incumprir o plan económico-financieiro no ano 2018, e esixe que adopte un acordo de non dispoñibilidade por 129.767,96 euros, o que supón a efectos prácticos un embargo desa cantidade que non se poderá tocar no orzamento deste ano. O Concello está, na práctica, intervido”, subliña.

un acordo de non dispoñibilidade por incumprir o plan económico financieiro require 130.000 euros, e hai 376.000 pendentes de pago a proveedores

A esta situación, explican, hai que engadir “outra cantidade que non se pode tocar, correspondente ao pago do préstamo de pago a proveedores, que alcanza os 376.122,20 euros”. Este compromiso ten prioridade con respecto a calquera outro desembolso que faga o executivo municipal.

Nesta situación terá que enfrontar o goberno local que saia do pleno de investidura do sábado a campaña de verán”, lamenta Ermida, que insiste en que é “vital controlar cada céntimo que se gaste en Barreiros. Tomaremos as accións que haxa que tomar e non nos tremerá a man”, prometeu.

SOCORRISTAS

A candidata nacionalista reforza o afirmado sobre a suposta intención do goberno saínte de deixar escasa marxe de manobra ao executivo entrante coa situación do servizo municipal de socorrismo.

o bng di que fuente parga quere deixar o concello “na ingobernabilidade” e alerta que só pediu subvención para oito socorristas, por 20 do ano pasado

Segundo indica Ermida, “no día de onte (polo mércores) solicitouse oferta de emprego público solicitando oito socorristas que custeará a Xunta de Galicia, fronte aos 20 que financiou o ano pasado. Trátase dunha solicitude feita obxectivamente tarde, que pon en perigo incluso percibir esa subvención e que sitúa o servizo de socorrismo nun punto moi complicado”, aseverou.

NEGOCIACIÓNS CO PSOE

A denuncia prodúcese nun contexto de negociacións entre BNG -que ten cinco edís, os mesmos ca o PP- e PSdeG-PSOE, que obtivo unha acta, para a formación do goberno local.

A formación frontista aceptou a petición da candidata socialista, Carmen Veiga, no tocante ás áreas de goberno: a líder do PSOE barreirense levaría a concellería de asuntos sociais e sería segunda tenente de alcalde. Con todo, os nacionalistas rexeitan a esixencia de Veiga de contar cunha dedicación exclusiva polo cargo.

nacionalistas e psoe manterán un novo encontro para chegar a un acordo de cara ao pleno de investidura do sábado

O denunciado polo BNG, nunha rolda de prensa na que escenificou respaldo popular -participaron arredor de vinte persoas-, aumenta a presión sobre Veiga, que días atrás reuniuse co alcaldable do PP e alcalde en funcións, Fuente Parga.

Segundo recoñeceu Ermida, nacionalistas e barreirenses emprazáronse para un un novo encontro antes do sábado. “Fixemos unha oferta xenerosa e de integración”, subliña a candidata nacionalista. “Debemos actuar con responsabilidade e non poñer por diante outros intereses que non sexan os da veciñanza. Por nós non vai ser”, asegura.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...