O candidato de Burela Sempre, Carlos Peinó, mostrou cautela despois de coñecerse que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordena repetir as eleccións municipais na mesa do Perdouro, despois de que o partido fundado por Manuel Martínez impugnase os comicios ao non recibir a Xunta Electoral Zonal de Mondoñedo para o cómputo final seis votos considerados nulos.
O cabeza de lista da formación manifestou a súa “satisfacción” polo fallo que, explica, “consideramos o máis xusto para resolver calquera dúbida ao non poder revisarse os votos nulos”.
Con todo, Peinó foi cauto e afirmou que a repetición das eleccións municipais “non é garantía dun resultado mellor“.
Burela Sempre quedou a un voto de obter un concelleiro na corporación municipal burelá; de acadalo, iría en detrimento do Bloque Nacionalista Galego (BNG).
“PASAR NON É O CORRECTO”
Pola súa banda, o alcalde de Becerreá e fundador de Galicia Sempre, Manuel Martínez, afirmou que “Burela Sempre conseguiu que se respecte a lei“, algo que ao seu xuízo é “moi importante”, informa Efe.
“Sabiamos que nos consumiría tempo e recursos, pero entendiamos que tiñamos que presentar ese recurso, porque pasar non é o correcto“, engadiu.
“XOGABÁMONOS SER OU NON SER”
Na mesma liña, explicou que Burela Sempre tivo claro “desde o principio que a desaparición de seis papeletas” tralo reconto “era un tema moi importante” e máis cando este partido estaba empatado a votos, 271, co BNG na loita polo décimo terceiro edil da corporación.
“Xogámonos o ser ou non ser. Estar presentes ou non na corporación de Burela”, afirmou Martínez.