Se ningún acordo de última hora o impide, o bipartito do Valadouro racharase este mércores (20.00 horas), nun pleno extraordinario convocado polo executivo valadourense para reorganizar as áreas de goberno.
A pouco máis de quince días da investidura do socialista Edmundo Maseda como alcalde, e unha semana despois da sesión plenaria de organización, PSdeG-PSOE e BNG darán por finalizada a súa colaboración despois de non chegar a un acordo no tocante ás retribucións a percibir polos concelleiros de ambos partidos.
Os dous partidos chegaran a un acordo para o reparto das concellerías que este mércores quedará presumiblemente en papel mollado despois de que se enquistasen as desavinzas entre socialistas e nacionalistas no tocante ás dedicacións e as contías a percibir.
PACTO “PREVIO Á INVESTIDURA”
Segundo expón o aínda tenente de alcalde e concelleiro de cultura e obras, o nacionalista Eduardo Chao, o xerme da ruptura é o “incumprimento” por parte do partido socialista valadourense dun acordo “previo á investidura” no tocante ás retribucións.
Chao expón que PSdeG-PSOE e BNG chegaron a un pacto para que cada partido do bipartito tivese a mesma cantidade, 30.000 euros por formación, para repartir entre os concelleiros. “Este acordo foi asinado e serviu para que Edmundo Maseda fose investido como alcalde”, sinala o concelleiro nacionalista.
A versión de Chao é que os socialistas se retractaron do asinado días despois da investidura, alegando que a cantidade a percibir polos edís do Bloque era excesiva. “Deses 30.000 euros, os concelleiros repartiriamolos nunha proporción de 70 e 20 por cento da xornada, con dúas dedicacións parciais“, explica.
“A cantidade parécelles agora moita”, sostén o edil nacionalista, que afirma que propuxo ao PSdeG-PSOE rebaixar a contía destinada ás retribucións, ata os 15.000 euros por formación política. “Pero non quixeron baixar a súa”, salienta.
SITUACIÓN “GRAVE”, QUE XERA “DESCONFIANZA”
O concelleiro nacionalista entende que se produciu unha situación “moi grave“, que “crea moita desconfianza” entre os dous edís da formación frontista á hora de unirse ao proxecto de goberno en coalición. “Somos xente de palabra e con ela basta, pero se ademais se incumpre algo asinado, nós non imos estar nese executivo”, asegura.
OS SOCIALISTAS NON SE PRONUNCIAN
O Xornal da Mariña tentou coñecer a versión do PSdeG-PSOE sobre a ruptura do acordo pero a formación socialista non quixo pronuciarse, aínda que presumiblemente responderá este mércores a través dun comunicado.
Un suposto cambio de postura de Chao no tocante á súa dedicación -en principio ía ser exclusiva e despois parcial- pode estar detrás da negativa dos socialistas a cumprir o asinado.
GOBERNO EN MINORÍA
Así, este mércores reorganizaranse as concellerías para un goberno en minoría. Os socialistas asumirán as áreas de cultura e obras -competencia de Chao- e de servizos sociais e turismo, asignadas a Eliseo Teijeiro.
O panorama preséntase complicado para o executivo municipal. As pasadas eleccións municipais deron catro edís ao PSdeG-PSOE, a lista máis votada, e outros tantos ao PP. O Bloque obtivo dúas actas por unha do partido independente Udival.
Así as cousas, o executivo terá que propoñer medidas que poidan contentar ben aos populares ben aos nacionalistas, xa que a edil de Udival non suma o suficiente para sacar adiante as propostas.
DEDICACIÓNS
Tamén irán a pleno as retribucións contempladas nun principio para os edís do PSdeG-PSOE. Edmundo Maseda, que -á espera de asumir outras delegacións- ostentará as áreas de urbanismo, vivenda, facenda, infancia, industria, comercio e persoal, terá unha dedicación exclusiva de 20.000 euros brutos anuais, similar á do anterior mandato (18.000).
María Mon, que nun principio asumirá as competencias en educación, xuventude, deporte, familia e muller, percibirá unha dedicación parcial de 10.000 euros.