InicioPolíticaO BNG atribúe a "temas internos" do PSOE a fin do bipartito...

O BNG atribúe a “temas internos” do PSOE a fin do bipartito do Valadouro e chama a “negociar de cero”

Os nacionalistas resaltan que cumpriron ao investir a Edmundo Maseda como alcalde e afirman que a perda dun goberno en coalición sería "un paso atrás" achacable aos socialistas

Publicada o

- Advertisement -

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Valadouro ofreceu na mañá deste sábado unha rolda de prensa na que expuxo a súa versión sobre a ruptura do goberno bipartito no municipio. Os nacionalistas atribúen a abrupta fin do executivo en coalición, semanas despois do pleno de investidura, a “cuestións internas” dos socialistas, e aseguran estar dispostos “a negociar de cero” un novo pacto.

Os dous edís da formación frontista, Eduardo Chao e Eliseo Teijeiro, que viron retiradas as súas competencias -obras, cultura, servizos sociais e turismo- polo alcalde, o socialista Edmundo Maseda, despois de que PSdeG-PSOE e BNG non chegaran a un acordo no tocante ás retribucións a percibir polos edís, compareceron fronte ao consistorio xunto a Antonio Veiga, representante da coordinadora do Bloque na Mariña Lucense.

VERSIÓN DO PSdeG

Os socialistas argumentaron a destitución dos concelleiros nacionalistas en base a que no primeiro pleno de organización tumbaron a xunta de goberno ao absterse e a que “non estaban a asumir as súas áreas” despois do desacordo entre ambos partidos no relativo aos soldos da corporación.

Neste punto, o PSdeG-PSOE sostén que se chegou a un pacto para financiar dúas liberacións e dúas dedicacións parciais cun gasto máximo de 30.000 euros brutos anuais por formación a distribuír segundo o criterio de cada partido.

Segundo a versión dos socialistas, Chao rompeu o acordo ao pretender manter as mesmas cantidades e traballar, no seu caso, a tempo parcial para o goberno local cun salario de 22.000 euros (Teijeiro percibiría 8.000 por un 20% da xornada laboral).

Chao rexeita que os socialistas o culpen de romper o pacto de goberno e sinala que o BNG “cumpriu co primeiro punto do acordo, que foi apoiar a investidura”. Así, desde a formación frontista salientan que “o Bloque sempre cumpre os compromisos e se Edmundo Maseda é alcalde, é grazas ao Bloque”.

UNHA CONCELLEIRA, EN CONTRA

Os concelleiros nacionalistas aseguraron que o motivo da ruptura foi “que o día antes do pleno de investidura”, os socialistas “avisaron que se saltaban un dos puntos do acordo. Unha concelleira do PSdeG-PSOE (refírese a Fina Geada) díxonos que a ela lle parecía moito diñeiro o que iamos cobrar e que se ía abster na votación das dedicacións”, expuxo Chao.

O edil da formación frontista expuxo que os salarios pactados eran de 22.000 euros para Chao por unha dedicación do 70% e para Teijeiro a anteriormente mencionada. O líder dos nacionalistas valadourenses sostivo que se comprometeu “a baixar proporcionalmente a cantidade” a percibir se a empresa na que traballa, Alcoa, non lle concedía a media xornada.

Neste senso, Chao sinala que non podía aceptar unha dedicación exclusiva de 22.000 euros porque “perdería 10.000 euros anuais” con respecto a retribución que percibe no seu traballo.

Os nacionalistas remarcan que, ante a negativa dos socialistas a aceptar esas condicións económicas, fixeron unha proposta verbal dun gasto de 15.000 euros por grupo, a metade do pactado. “Aínda esperamos pola resposta”, afirma Chao.

NEGAN DESLEIXO NAS SÚAS ÁREAS

No tocante ás acusacións dos socialistas de non atender ás súas tarefas, Chao expón que “nomeáronnos por decreto como concelleiros, cargos que non aceptamos porque nos pareceu que se rompera o acordo. O que non pode ser é que cada partido elixa que condicións do pacto quere”, expón.

Votamos en contra das dedicacións porque nin con nós falaron e seguiron nas súas. Pero antes do primeiro pleno de organización fixemos o Folión do San Xoán e tramitamos a alta dunha persoa no xeriátrico que tivo un accidente e precisaba do servizo”, subliña.

INSTAN A MASEDA A CHAMAR

Chao admite que a ruptura do bipartito “é un paso atrás porque o goberno do Valadouro foi de progreso nos últimos catro anos, aínda que quedaron cousas por facer”. Así, móstrase aberto a “negociar desde cero” e entende que debe recibir unha chamada por parte do alcalde, “a quen lle corresponde formar goberno”.

GASTO DO GOBERNO

Preguntado por se considera excesivo un gasto no goberno local de 60.000 euros para un municipio de 2.004 habitantes -segundo os datos de 2018-, Chao asegura que se a cantidade é ou non excesiva “depende do traballo que se faga”, e resalta que coa segunda proposta realizada “iamos ter catro persoas traballando por 5.000 euros menos do que cobraba o anterior goberno do Partido Popular”.

RESPALDO DO PARTIDO PARA VOLVER FALAR

Veiga asegurou, pola súa banda, que o BNG “non vai permitir” que o PSdeG-PSOE “nin ningún partido” poña en dúbida “os comportamentos éticos que sempre caracterizaron ao Bloque no Valadouro”.

O dirixente nacionalista lembra que “o primeiro punto do acordo era a investidura de Edmundo Maseda como alcalde e o BNG cumpriu” e lamenta que “por cuestións internas doutros partidos” poida racharse “un goberno progresista” que deixaron as urnas, xa que “PP e PSOE perderon apoios e representación municipal, que gaña o BNG”, remarca.

Así, responsabiliza do actual escenario dun goberno en minoría e sen retribucións “ao partido socialista” e sostén que “os compañeiros teñen todo o apoio da nosa organización para seguir apostando por un goberno progresista no Valadouro. Se esa oportunidade non se cumpre, non será culpa do Bloque”, argumenta.

SITUACIÓN POLÍTICA COMPLEXA

A situación política do goberno local é complexa no Valadouro. Malia que tras tumbar o BNG as dedicacións do executivo -plena de 20.000 euros para o alcalde, Edmundo Maseda, parcial de 10.000 euros para a edil María Mon– o rexedor se mostrou máis decidido a gobernar en minoría, o reparto electoral que deixaron os pasados comicios locais –catro concelleiros para PSOE e PP, dous para o Bloque e un para a formación independente Udival– dificulta esa posibilidade.

O máis probable, por agora, semella que se retomen as negociacións para axustar as retribucións e dotar ao Valadouro dun goberno estable. O Bloque da Mariña Lucense quixo así escenificar o seu apoio á agrupación local para trasladar a presión aos socialistas e mostrar a súa disposición a chegar a un acordo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...