InicioPolíticaO PSOE do Valadouro acusa ao BNG de "incumprir" o acordo de...

O PSOE do Valadouro acusa ao BNG de “incumprir” o acordo de goberno e de “paralizar o Concello adrede”

O rexedor afirma que se pactou "unha dedicación exclusiva e outra parcial" por partido e que os nacionalistas racharon o apalabrado "ao non ter clara a súa situación laboral"

Publicada o

- Advertisement -

O grupo municipal do PSdeG-PSOE emitiu este luns un comunicado no que ofrece a súa versión sobre os motivos da ruptura do bipartito no Concello do Valadouro, só unhas semanas despois do pleno de investidura no que foi elixido alcalde o socialista Edmundo Maseda, grazas aos votos dos edís do BNG, co que xa gobernou en coalición no anterior mandato.

O aínda tenente de alcalde e edil de obras e cultura do Valadouro, o nacionalista Eduardo Chao, responsabilizou o pasado martes ao PSOE da ruptura do goberno en coalición, ao “incumprir” un acordo para asignar a mesma cantidade -30.000 euros- a cada partido do bipartito, a fin de repartir cada formación política ese diñeiro entre os concelleiros cunha dedicación recoñecida.

Chao afirmou que os socialistas quixeron botar atrás ese reparto, “ao parecerlles excesiva a cantidade que cobrariamos”, unha vez celebrada a investidura.

CHAO SOSTÉN QUE O PSOE “ENGANOU” AO BLOQUE CO “ÚNICO INTERESE” DE QUE O ALCALDE FOSE INVESTIDO

O concelleiro nacionalista asegurou que propuxo rebaixar a cantidade a repartir entre os partidos a 15.000 euros, obtendo a negativa dos socialistas, polo que o Bloque non formará parte do executivo “cun grupo que faltou á súa palabra”.

Así, concluíu que o PSOE “enganou” ao Bloque co “único interese” de que Maseda fose investido.

MASEDA: “CALQUERA VARIACIÓN HAI QUE PACTALA”

O alcalde culpa ao BNG de rachar o acordo, que contemplaba “o reparto dos 30.000 euros de retribucións nunha dedicación exclusiva e outra parcial por cada partido“.

Maseda afirma que ese pacto incumpriuse pola intención dos concelleiros nacionalistas de modificar as dedicacións pactadas.

“O erro que cometeron é non ter clara antes a súa situación laboral e a posibilidade de arranxarse coas súas empresas. Non queremos que perdan diñeiro, pero que un tenente de alcalde cobre 22.000 euros por unha dedicación parcial cando o alcalde cobra 20.000 por unha exclusiva parécenos excesivo. Calquera variación neste punto, hai que pactala“, sostén.

maseda cre que “22.000 euros para unha dedicación parcial cando o alcalde cobra 20.000 por unha plena é excesivo”

XUNTA DE GOBERNO

Maseda argumenta que os nacionalistas tamén “incumpriron” o pacto no relativo á xunta de goberno, que se acordou que estivera formada por dous edís do PSOE e outros dous dos nacionalistas.

“Aceptamos iso malia que nas eleccións municipais quitamos catro concelleiros socialistas por dous deles“, expón o rexedor, que sinala que os edís nacionalistas tumbaron a formación da xunta de goberno ao non aceptar entrar nela.

O REXEDOR DI QUE O BNG “TUMBOU” A XUNTA DE GOBERNO E QUE OS NACIONALISTAS “NON SE FIXERON CARGO” DAS SÚAS CONCELLERÍAS

O alcalde asegura ademais que, desde a investidura, os edís do Bloque “en ningún momento se fixeron cargo das súas concellerías. Eles argumentan que non forman parte do executivo local, pero non renunciaron ás súas delegacións”, indica Maseda, que acusa aos nacionalistas de “paralizar o Concello adrede“, polo que se viu obrigado, argumenta, “a retiralles as competencias”.

O PSOE TENDE A MAN PARA UN NOVO ACORDO

A situación parece enquistada, aínda que os socialistas non pechan a porta a seguir traballando de forma conxunta. “Que aclaren a súa situación laboral, que fagan unha proposta por escrito e levámola a pleno. Gobernamos catro anos sen ningún problema e non temos por que deixar de facelo nin ter o Concello parado por esta situación”, afirma Maseda.

GOBERNO EN MINORÍA

Con todo, o rexedor entende que gobernar en minoría -os comicios locais deixaron catro edís para PP e PSOE, a lista máis votada, dous para Bloque e un para a formación independente Udival- “non é imposible”.

“Sempre apostamos por buscar o consenso nas decisións importantes”, sinala, para remarcar que “estamos preparados para o goberno e a oposición. Se o BNG quere, que presente unha moción de censura co PP”, sostivo.

En declaracións a Efe, Chao asegurou este mércores que “o noso papel limítase a formar parte da oposición“.

REORGANIZACIÓN DAS CONCELLERÍAS

Este mércores celebrarase un pleno extraordinario (20.00 horas, consistorio) para reorganizar as concellerías e retirar aos edís do Bloque as súas competencias.

O rexedor asumirá obras, que ostenta Chao, e Fina Geada a delegación de cultura, tamén competencia do líder do BNG valadourense.

María Mon levará servizos sociais e Iago Fernández turismo, delegacións que pertencen ata o de agora a Eliseo Teijeiro.

O REXEDOR ASUMIRÁ OBRAS E FINA GEADA, CULTURA; MARÍA MON, SERVIZOS SOCIAIS E IAGO FERNÁNDEZ, TURISMO

Maseda, que segundo a proposta da alcaldía terá recoñecida unha dedicación exclusiva de 20.000 euros, terá ademais as competencias en urbanismo, vivenda, facenda, industria, comercio e persoal.

Geada responsabilizarase das áreas de emprego, formación, coordinación municipal, servizos á cidadanía -onde se enmarcan as iniciativas para fomentar o tecido asociativo- e participación veciñal.

Fernández levará as concellerías de medio rural, medio ambiente e novas tecnoloxías. Mon, que contaría cunha dedicación parcial de 10.000 euros, asumirá tamén educación, xuventude, deporte, familia e muller.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...