InicioPolíticaO PSOE lucense pecha filas ao redor da concelleira vetada polo BNG...

O PSOE lucense pecha filas ao redor da concelleira vetada polo BNG do Valadouro

Os socialistas dan un "respaldo unánime" a Fina Geada, de quen o Bloque pide a demisión para negociar un bipartito por considerala "responsable" da ruptura do anterior pacto de goberno

Publicada o

- Advertisement -

A executiva provincial do PSdeG-PSOE de Lugo emitiu, a través dun comunicado de prensa, o seu “respaldo unánime” á concelleira da formación no Valadouro Fina Geada, despois de que o BNG esixise a súa demisión para continuar coas negociacións dun goberno bipartito entre socialistas e nacionalistas no municipio.

O PSdeG-PSOE lucense cualifica de “chantaxe” a solicitude do BNG, unha petición que non acepta “máxime cando esta concelleira conta co respaldo que outorga co seu voto á veciñanza do Valadouro”. Ademais, sostén que “todo o goberno socialista” do municipio “apoia sen fisuras” a Geada. 

No tocante ás negociacións para formar un goberno de coalición, a formación socialista “segue aberta” ao diálogo, “sempre e cando” non se traspasen “liñas vermellas” que “atacan directamente á elección democrática da veciñanza”.

Por último, no que semella unha alusión á formación nacionalista, coa que goberna conxuntamente a Deputación de Lugo e en varios concellos -na Mariña Lucense, Barreiros é un exemplo- o PSdeG-PSOE argumenta que “segue cumprindo con todos os pactos xa asinados nos municipios da provincia”.

AS RETRIBUCIÓNS, ORIXE DO DESENCONTRO

Ambos partidos iniciaron o pasado luns as conversas para reeditar un goberno de coalición que apenas durou uns días trala investidura do socialista Edmundo Maseda como alcalde. O pacto rachouse polas desavinzas no tocante ás retribucións, unha ruptura da que o Bloque responsabiliza a Geada. A concelleira defendeuse publicamente e atacou ao voceiro dos nacionalistas no municipio, Eduardo Chao, a quen acusou de “buscar o seu interese”.

Malia que os nacionalistas chamaron a “negociar desde cero” un bipartito, unha petición que compraceu ao rexedor valadourense, a ferida segue aberta e as posturas permanecen polo de agora afastadas.

ÚLTIMAS

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...

O servizo de recollida de residuos orgánicos comezará en Viveiro o día 18 de decembro

O Concello de Viveiro informa á cidadanía de que o vindeiro día 18 de...

O Concello de Ribadeo sinala que non subirá as taxas da auga e do lixo

Ribadeo non subirá o recibo da auga e do lixo. Así o asegura Marta...