Os Xulgados de Primeira Instancia e Instrucción número 1 e número 2 de Viveiro acumulan 3.075 asuntos civís pendentes. Dous traballadores fixeron públicos os datos estatísticos enviados ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPC) tralo peche do último trimestre de 2018.
Os funcionarios, Marco López e David Díaz, membros da Mesa Local contra a Violencia de Xénero, alertan dun “retraso astronómico” no tocante ás causas xudiciais civís nos xulgados viveirenses, sede dun partido xudicial que suma “máis de 45.000 habitantes e que comprende os concellos de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz”.
López advirte de que se están a incoar demandas “presentadas en febreiro de 2018, cun ano de retraso”, unhas cifras cercanas ás que os mesmos traballadores apuntaban no pasado mes de novembro, e ás denunciadas por En Marea a finais do 2018, que cifraba en “tres anos” o tempo que tardarían os profesionais en poder dar saída aos pleitos acumulados.
174 DEMANDAS SEN INICIAR
A estatística a final do exercicio pasado revelaba un total de 174 demandas pendentes de iniciar. Os procesos contenciosos por resolver ascenden a 594, mentres que os incidentes acumulados son un total de 80.
ESTÁN POR EFECTUAR 2.112 EXECUCIÓNS CIVÍS E 115 PROCESOS PENDENTES DE DEREITO DE FAMILIA
No relativo ao dereito de familia, hai 115 procesos pendentes. Finalmente, están por efectuar 2.112 execucións civís. No eido penal, por ter preferencia na normativa xudicial, os retrasos non son tan acusados.
O PLAN DE RECUPERACIÓN, “PROPAGANDA”
Os traballadores responsabilizan desta acumulación de causas pendentes ao “desleixo da Xunta de Galicia” trala folga da Xustiza emprendida o pasado ano, e que paralizou durante máis de tres meses a actividade nos xulgados e tribunais.
Malia que o Goberno galego comprometeuse con tres dos sete sindicatos nun acordo de carácter oficial a solventar “alomenos o 80%” do traballo atrasado polo paro, os funcionarios resaltan que o plan de recuperación anunciado polo Executivo autonómico foi “propaganda”.
A XUNTA AUTORIZOU “UN MONTANTE DE 20 HORAS CANDO PROMETEU RECUPERAR ALOMENOS O 80% DO TRABALLO”
López e Díaz denuncian que a Administración autonómica iniciou o programa en Viveiro “con seis meses de retraso” e que só autorizou “un montante total de 20 horas de traballo para recuperar 1.000 horas”. Así, o plan de recuperación en Viveiro só resolveu “o 10% do traballo atrasado, 70 puntos menos do prometido”.
VIOLENCIA DE XÉNERO
Esta acumulación de causas, indican os funcionarios, afecta especialmente ao Xulgado de Violencia de Xénero, carente do “reforzo de persoal” ou de “ampliacións de xornada” para contrarrestar o colapso. Estas medidas, aseguran, terían “un custo mínimo” en relación “cos cartos aforrados pola Xunta, tres millóns de euros, durante a folga de Xustiza”.
Os denunciantes advirten das consecuencias que acarrean os retrasos nos casos de vítimas de violencia machista que “instan o correspondente procedemento civil de divorcio para desvincularse do agresor”.
ACUMÚLANSE DIVORCIOS PARA DESVINCULARSE DE AGRESORES E RESOLUCIÓNS SOBRE O DOMICILIO, A CUSTODIA OU A PENSIÓN DE MENORES
López sinala que o xulgado de Viveiro con competencias nesta materia recibe “entre seis e oito procedementos deste tipo por trimestre”.
Neste tipo de expedientes, expoñen, “resólvese de xeito definitivo sobre a atribución do domicilio familiar, o establecemento dun rexime de custodia ou a concesión dunha pensión a favor dos menores, ademais de, no caso de incumprirse as sentenzas, sobre o embargo do salario dos proxenitores que infrinxen o seu deber de asegurar a mantenza dos fillos.
DOS MÁIS “SATURADOS” DE GALICIA
No 2016 un informe do CGPC alertaba de que os xulgados número 1 e 2 de Viveiro estaban “entre os máis saturados de Galicia” ao superar “o 200% de carga de traballo”.
Un enorme volume de traballo que, sinalan os profesionais, “estaba ao día antes da folga”, polo que reiteran que os retrasos se deben “a unha deficiente xestión política”.