A Deputación de Lugo e os alcaldes da Fonsagrada, Pol, Ribadeo, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil denunciaron conxuntamente que o Partido Popular (PP) non quere que abran as residencias” destes municipios.
Tal e como informa LugoXornal, tanto o presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, como os gobernos locais -cinco do PSOE e un do BNG– acusan aos conservadores de “empregar fondos públicos para paralizar a apertura dos centros de maiores”, logo de a sociedade provincial do chan (Suplusa), presidida polo ex deputado do PSOE Manuel Martínez e na que o PP ten a maioría absoluta, presentara recursos contenciosos administrativos nos que se reclaman medidas cautelares en contra dos xeriátricos.
o pp conta con maioría no consello de administración de suplusa, que aprobou contenciosos contra as residencias ribadense e trabadense
A Deputación explica que Suplusa presentou recursos pedindo a paralización inmediata das residencias de Pol e A Fonsagrada, e afirma que “chegarán novos contenciosos, posto que o PP xa aprobou presentalos tamén contra a apertura dos centros de maiores de Trabada e Ribadeo“.
Campos asegurou que “mentres a Xustiza non diga o contrario”, a Deputación e mailos Concellos “seguirán a folla de ruta para abrir entre abril e maio as primeiras residencias”.
SELECCIÓN DE USUARIOS
Así, o presidente da Deputación precisou que este mércores arrancaron os procesos de solicitude de prazas das residencias de Trabada e Ribadeo. Segundo expuxo o goberno provincial, a residencia de Trabada conta con dez posibles usuarios, e a de Ribadeo con 16 posibles beneficiarios.
Tanto a residencia trabadense como a ribadense contan coas prestacións de limpeza, cociña e asistencia básica contratadas, e co Permiso de Inicio de Actividade (PIA). Segundo avanza a Deputación, a vindeira semana terán lugar os procesos de selección pública de terapeutas ocupacionais e fisioterapeutas, e rematarán os de administrativo, persoal público do que se encargará o executivo provincial.
A Deputación avanzou que “se todo trascorre con normalidade”, os centros abrirán entre abril e maio
“Se todo transcorre con normalidade, é dicir, se as intencións do PP fracasan e non se admiten as medidas cautelares, poderiamos abril estes centros catro centros, con 200 prazas de residencia e centro de día, entre abril e maio”, concluíu Campos.
“NON TEÑEN LEXITIMIDADE”
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, lamentou que “mentres que os concelleiros do PP votan unanimemente que si a todos os acordos sobre a residencia, persoas do mesmo partido na Deputación pretenden desmontar todo isto. O centro de maiores ribadense nada tivo que ver con Suplusa. Non teñen lexitimidade“, indica o rexedor, que engade que “parece que lles doe que sacaramos isto adiante sen axuda da Xunta de Galicia“.
A alcaldesa de Trabada sostivo que “os xeriáticos poderían estar abertos sen os paus nas rodas do PP”
Pola súa banda, a alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez, criticou que os xeriátricos “xa poderían estar abertos sen os paus nas rodas que pon o PP”.
“Custou moito artellar isto, que fose economicamente sostible para as administracións locais, que temos menos recursos. A Xunta debera apoiar estes proxectos e subvencionar prazas, e o único que fixo o PP foi desprestixiar e sementar dúbidas. Isto a xente ten que sabelo”, concluíu.
O PP: “DESVÍAN A ATENCIÓN”
Pola súa banda, o Partido Popular non se pronunciou respecto dos recursos, pero acusou aos socialistas de levar a cabo “intentos desesperados” para “desviar a atención” sobre uns centros “inaugurados hai catro anos” e que aínda non abriron.
O PP cualificou de “paripé” os procesos de selección de persoal que están a levar a cabo os concellos
Nun comunicado, os conservadores acusan ao goberno provincial e os executivos locais de “repetir a estratexia” das pasadas eleccións, cando inauguraron ditos centros e realizaron un proceso selectivo que “despois gardaron nun caixón”.
“É un paripé para xustificar o seu proxecto fracasado”, criticaron, para denunciar que “unha vez máis” se atopan ante “unha promesa incumprida” que lle “pasará factura” ao grupo de goberno, aseguran.