O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, informou este mércores de que o goberno municipal iniciou o proceso para eliminar os esqueletes dunha decena de edificios sen rematar.
O executivo local requerirá aos propietarios destes proxectos, na súa maioría bancos e entidades financieiras, para que, dentro dun prazo de catro meses, opten entre as dúas alternativas que o Concello lles pon sobre a mesa: reiniciar as obras para acabar as construcións ou, pola contra, derrubar as estruturas de maneira inmediata.
A intención do goberno local, expón, é que nun ano “non quede rastro destes edificios inacabados que afean un municipio que é un dos referentes turísticos do norte de Galicia”.
Fuente Parga asegura que requerirá aos propietarios que decidan sobre os esqueletes “co obxectivo de mellorar a imaxe do concello”, unha percepción de Barreiros que atribúe “ao limbo que provocou a actuación do goberno bipartito”.
O permiso de obra das licenzas das estruturas caducou aos tres anos de inicio das actuacións, pero Fuente Parga afirma que “se pode considerar que quedou en suspenso” tralo o proceso xudicial aberto contra el en 2010.
PROCESO XUDICIAL ABERTO
A licenza das dez estruturas foi concedida polo propio goberno local entre 2005 e 2006, entre as 45 autorizacións ás que se lle deu luz verde para a construción de case 3.000 vivendas no municipio, uns permisos que foron postos en entredito por Adega e pola Fiscalía ao entender que favorecían urbanizar en solo rústico sen contar con servizos mínimos de auga, luz, saneamento e comunicación.
Así, Fuente Parga, cinco edís da corporación de 2006 e a arquitecta municipal sentaron no banco por suposta prevaricación urbanística na concesión das licenzas, delito do que foron absoltos polo maxistrado do Xulgado do Penal número 2 de Lugo.
O Concello aspira co derrubo dos esqueletes a pasar páxina en urbanismo, malia que a sentenza non é firme. Tanto a asociación ecoloxista, que exerceu a acusación particular, como o Ministerio Fiscal recorreron o fallo ao considerar que houbo erros na apreciación das probas.
O alcalde de Barreiros considera que “unha vez que se pechou o proceso xudicial, que afectaba aos membros da xunta de goberno pero tamén á validez das propias licencias concedidas, cuxa nulidade estaba interesada no litixio, é o momento de actuar para protexer a contorna paisaxística do municipio”.
Fuente Parga asegura que “non puidemos facer nada durante todos estes anos para non entorpecer o proceso xudicial aberto, que finalizou ademais sen afectar á anulación das licenzas destes edificios”.
CARGA CONTRA O BIPARTITO
O rexedor apunta que “agora é a nosa obriga” esixir aos promotores que actúen “porque Barreiros non se merece ofrecer esta imaxe á que se viu abocada por cuestións políticas, como quedou demostrado no xuízo”.
Fuente Parga, que será o candidato do PP á alcaldía despois de deixar o partido no 2015 trala apertura do xuízo oral, insiste en que a crise inmobiliaria e “o inxusto e arbitrario” proceder da Xunta “prexudicaron fortemente a Barreiros tanto desde o punto de vista paisaxístico como da súa potente marca turística, xa que é un dos municipios de maior beleza natural da Mariña lucense. Temos que devolverlle o seu esplendor”, argumenta.
CASE 600 VIVENDAS SEN REMATAR
No 2007, en plena burbulla inmobiliaria, o Goberno galego paralizou a construción no municipio a través dun decreto polo que impuxo no concello unha normativa máis restritiva, a fin de frear a concesión de licenzas en terreos que non se consideraban aptos para edificar.
O decreto co que se pretendeu frear o bum urbanístico foi tumbado no 2014 polo Tribunal Supremo, que advertiu un defecto de forma no mesmo, ao non ser sometido a exposición pública.
Das case 3.000 vivendas autorizadas entre 2005 e 2006, só hai 1.329 rematadas, 332 delas sen vender. Segundo os datos de El Progreso, hai 587 vivendas sen rematar. Un total de 951 están sen iniciar.