As alfombras florais de Burela deron o pasado sábado o toque de cor ás festas patronais, que continúan este domingo. Mafalda, Son Goku ou SuperMario estiveron entre as caras coñecidas que veciños e turistas poideron atopar nas rúas da vila.
Personaxes de banda deseñada e de videoxogos tanto da actualidade como de décadas pasadas foron os protagonistas dos tapices. As representacións de Mortadelo e Filemón, Asterix e Obelix, Sailor Moon, os Pokémon, as irmás Gilda ou Donkey Kong fixeron as delicias dos asistentes.
Tanto grandes coma pequenos atoparon referencias á súa infancia entre estas obras de arte efímero elaboradas pola veciñanza. As alfombras florais cumpriron o pasado ano 25 anos, pero os veciños de Burela seguen a enriquecer a celebración con ideas orixinais e innovadoras.
ESTE DOMINGO, PROCESIÓN MARÍTIMA
O programa das festas patronais de Burela continúa este domingo, coa procesión marítima, e prolongarase ata o luns, día da subida das imaxes desde o porto ata a Igrexa. Podes consultar neste enlace as actividades.